Este concerto da Banda foi especial pois aínda que participou o seu director titular, David Ballester, tamén exerceron esa función na interpretación dalgunhas pezas outros músicos da banda, concretamente os rapaces Daniel Fernández, Carolina Yáñez, Jairo Valea, Lucía Expósito e Paula Pérez. Escoitáronse temas como Dixieland Salute, Thank for the music, El Cumbanchero, A Freixa, Brasiliana, The happy cyclist, Camino Verde ou Agarrate Saxo.
Despois da actuación musical celebrouse a churrascada, que foi cociñada durante o concerto por membros do colectivo Asociación Amigos da Semana Santa de Ribadeo, aos que a Asociación Amadores da Música lles agradeceu a súa colaboración.
O próximo concerto incluído no ciclo Agosto musical será este vindeiro venres, día 14, ás dez e media da noite nas inmediacións do parque de San Francisco. Actuará a sección de vento madeira da Banda ribadense xunto co grupo Clarinet Connection, coa dirección de David Ballester Martínez. E o próximo concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo ao completo será o día 16, domingo, ás 13:30 con motivo das festas de San Roque, copatrón da vila ribadense.