Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Foz asegura que a Festa Normanda cumpriu con creces os obxectivos de divertir e dar bos froitos económicos

310815 FOTO FESTA NORMANDA FOZ 2015Foz, 31 de agosto de 2015.- A V Festa Normanda de Foz foi, segundo o alcalde do municipio, Javier Castiñeira, un éxito de organización e acadou “con creces” os resultados agardados. O rexedor agradeceu tanto aos veciños como aos membros da comisión organizadora do festexo e aos traballadores do Concello a súa implicación na preparación do evento.

“Dende o Concello de Foz, rematada a Festa Normanda, a valoración que facemos é tremendamente positiva. Estamos a final de mes e o pobo estivo ateigado de xente. Os obxectivos propios da Festa Normanda cumpríronse con creces”, asegurou o rexedor municipal, quen especificou que “o primeiro obxectivo é ter unha festa de ocio e de divertimento a finais do mes de agosto, que xere e deixe froitos económicos tamén na hostalería e no comercio de Foz, e que a imaxe do pobo sexa turística e dunha boa organización. Esta foi absolutamente magnífica, sen ningún tipo de incidente salientable e con moita participación en todos os actos, dende o inicial do pregón até o final do día de onte, co desembarco infantil e os sorteos finais”, resumiu Castiñeira.

O alcalde tivo palabras de agradecemento para toda a xente que traballou na organización da festa, dende os empregados públicos aos membros da comisión e os veciños: “non me cabe outra que felicitar á comisión organizadora, a Asociación Desembarco Normando, que un ano máis nos fixo gozar dunha festa que se está convertendo nunha referencia na Mariña. Tamén agradecemos a todos aqueles que participaron dun xeito ou doutro, como a asociación de veciños de San Martiño, coa escenificación da lenda do venres e, especialmente, aos grupos Batukada de Foz e Batukada de Cariño, que estiveron os tres días animando a festa. A verdade é que estamos orgullosos de que sexa un grupo que se formara neste último ano, co apoio do Concello, e baixo a batuta de Manuel, que está facendo un traballo marabilloso nestas batukadas. Agradecemos tamén aos traballadores municipais que durante estes últimos meses estiveron preparando todo o necesario para que este festa saíra adiante, dándolle o máximo apoio á comisión de festas”.

Javier Castiñeira salientou tamén a implicación da veciñanza de Foz e do comercio local, patrocinador da Festa Normanda: “grazas aos veciños tamén por gozalo como desexamos todos, con total harmonía, e tamén grazas á hostalaría por patrocinar e financiar parte deste evento. Para o ano que vén trataremos por suposto de que saia incluso algo mellor”.

Exit mobile version