Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG – AA acusa ó PP de Cervo de “intentar crear polémicas estériles coa Festa do Ovo Frito”

Cervo, 18 de agosto de 2015. O BNG – ASEMBLEAS ABERTAS saíu ao paso das declaracións efectuadas polo Partido Popular de Cervo, nas que este intentaba desvirtuar o éxito da X edición da Festa do Ovo Frito, acusando á formación nacionalista de querer politizar a festa. Para iso o PP cervense mestura intencionadamente a representatividade política do edil nacionalista Ramón Luís Bernardo Insua, co seu traballo como directivo da S.D. Cervo-Sargadelos, que é a asociación encargada de organizar a festa desde hai dez anos.

Os populares equivócanse cando ven finalidade partidista detrás da colocación de varias bandeiras galegas no escenario da actuación do grupo, xa que esas bandeiras foron colocadas por persoas alleas á organización da festa, polo que Ramón Luis Bernardo Insua nega calquera responsabilidade da S.D. Cervo-Sargadelos na súa colocación. Deste xeito, para o BNG-AA, o Partido Popular confunde a súa propia forma de actuar coa dos demais partidos, e neste caso erran profundamente. Doutra banda, as bandeiras galegas colocadas no escenario nin son ilegais, nin son alleas ao territorio, xa que se trataba de bandeiras galegas semellantes ás que ondearon e seguen ondeando en toda a Praza do Souto durante os días de festa. Desde o BNG-AA considérase que a presenza das bandeiras galegas no escenario só pode molestar a mentes de escasa conciencia democrática, as únicas que poden velas como ofensivas, a non ser que volvamos a tempos pre-democraticos”, afirma Bernardo Insua.

O edil nacionalista que ademais é directivo da S.D. Cervo-Sargadelos quere deixar claro que a representatividade política que neste momento ten asumida non se mestura coa súa participación na directiva do club de fútbol: “En ningún caso vou converter a miña participación nesta directiva nun apéndice do meu ideario político, algo que por certo si fai o Partido Popular de Cervo, que é o campión no control político de asociacións e festas populares. Abonda pensar nalgunha festa do concello, cunha comisión presidida desde hai máis de doce anos por edís do PP”.

Por último desde o BNG–AA pídenlle ao Partido Popular, como soporte do goberno local cervense, que trate da mesma maneira a todos aqueles colectivos que traballan desinteresadamente polo ben do concello e pola súa dinamización, independentemente de se estas están ou non baixo o seu control. “Ás veces dá a sensación de que ao PP o único que lle interesa é o control social e a eliminación daqueles actos e festas que non lles bailan as augas”, manifestou Bernando Insua, e isto chámase fascismo. Cómpre lembrar que a Festa do Ovo Frito un ano máis logrou un grande éxito, tanto na dinamización e promoción do concello, como no obxectivo de obter fondos económicos para o deporte.

Exit mobile version