A bomboneira reunirá un luxoso cartel na rectal final de preparación do equipo de Daniel Ibañes para comezar nas mellores condicións a cuarta tempada laranxa na máxima categoría. “É un torneo de pretempada de máximo nivel, no que a afección poderá gozar do espectáculo de Primeira División antes de que comece a liga”, coincidían en resaltar Manuel Blanco e José Luis Sáez. Xunto ao cadro de Daniel Ibañes daranse cita dous rivais de Primeira División, Palma Futsal e Santiago Futsal, ademais do Cidade de Narón, de Segunda.
O primeiro prato enfrontará o Palma Futsal e o Santiago Futsal, o venres ás 18:00 horas. Ás 20:15 horas loitarán por un posto na final o CD Burela FS Pescados Rubén e o Cidade de Narón. O sábado volverá levantarse o pano ás 18:00 horas para dirimir forzas entre o terceiro e o cuarto clasificados; a gran cita polo título arrancará ás 20:15. Haberá entrada única para todo o torneo ao prezo 5 € para adultos e de 1 € para os menores de idade.
Con esta iniciativa a Apehl e o CD Burela FS Pescados Rubén unen os seus camiños no que os dous dirixentes, Cheché Real e Manuel Blanco, esperan que sexa “o primeiro paso dunha frutífera colaboración entre ambas as entidades para o apoio mutuo nos obxectivos de promoción de dúas das riquezas da provincia, a gastronomía e o fútbol sala”.
Burela FS Pescados Rubén 6-1 Noia Fútbol Sala
O cadro mariñán impúxose ao Noia Fútbol Sala o sábado na Fonsagrada por un claro 6-1. Daniel Ibañes volveu contar con todos os xogadores que están realizando a pretempada nunha cita que se resolveu con contundencia na segunda parte. Chino abriu o marcador no minuto 5, aínda que os coruñeses non baixaron os brazos e igualaron a contenda no 16, de Christian. Tras o descanso, o Burela FS Pescados Rubén non deu tregua na finalización con repartición goleadora de Hélder (minuto 24), Isi (27), Renato (32), Iago Míguez (34) e Chano (39).