Site icon Crónica3.com A Mariña

O CB Ría de Ribadeo asina un acordo de patrocinio con Serviocio

O CB Ría de Ribadeo, Be One CB Ría de Ribadeo, asinou un convenio coa empresa Serviocio SL para as próximas dúas tempadas. A compañía, con sé en Carballo, xestiona a piscina municipal de Ribadeo desde fai máis de 20 anos; polo que este acordo supón un paso máis na súa implicación co municipio.

Ao acto de firma do contrato, celebrado no Pavillón Municipal de Ribadeo, acudiron por parte do club, o seu presidente, José Ramón Vázquez Barbeito e o seu Director Deportivo, José Antonio Sama. Tamén varios xogadores de diferentes categorías presenciaron o momento da rúbrica. En representación da empresa asistiron Roberto Ramos, socio fundador, José Manuel Loureiro, Director de Operacións e Javi Canel, Director de Serviocio Ribadeo.

José Manuel Loureiro destacou “a importancia deste acordo”; xa que “o club e os xogadores que o conforman encaixan á perfección cos valores da compañía: formación, proximidade, superación e compromiso”.Todo isto, unido ao “apoio que a empresa quere transmitir ao deporte de base”, son algunhas das razóns polas que Serviocio decidiu asinar este convenio. Pola súa banda, o presidente do club, José Ramón Vázquez Barbeito, subliñou que as futuras sinerxias entre as dúas entidades “axudarán na formación da canteira”.

A imaxe que lucirán os xogadores nos seus equipamentos será Be One, a nova marca comercial de Serviocio S.L. A idea da empresa é implantala en todas as instalacións deportivas que xestiona ao longo de España. Segundo explica Loureiro, esta nova etapa “non supón só un cambio de nome nos centros”, senón un xeito diferente e moderno de facer as cousas cun último obxectivo: “o benestar do usuario”.

Exit mobile version