Site icon Crónica3.com A Mariña

O concelleiro de Deportes de Burela reuniuse con Yanes Ginzo para falar das obras dos vestiarios do campo de fútbol de herba artificial da Marosa

Burela, 19 de agosto de 2015.- O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, mantivo este mércores á mañá un encontro co delegado da Área de Deportes da Deputación de Lugo, José Manuel Yanes Ginzo, para falar dos vestiarios do campo de fútbol de herba artificial da Marosa.

Fernández, que acudiu acompañado por membros da directiva da AFD Porto de Burela, dixo que “a xuntanza foi cordial. Entendemos que é primordial a axuda da institución provincial para sacar o proxecto adiante. Yanes Ginzo amosouse a favor de toda a colaboración posible e falounos incluso da posibilidade de asinar un convenio de colaboración para facer a obra e sufragala ao 50% cada unha das dúas institucións: Deputación e Concello”.

O edil de Deportes e primeiro tenente de alcalde lembrou que “estamos a falar dunha obra pendente do anterior equipo de goberno, da que se anunciou o inicio das obras, se presumiu de dito comezo, incluso se serviron uns pinchos case como inaugurando a obra e a día de hoxe aínda non hai nada feito”. Fernández indicou que “ademais disto deixaron destinada unha cantidade irrisoria no presuposto para esta obra o que da a entender claramente que o Sr.Barcia mentiulles descaradamente aos veciños cando por un lado, inauguraba unha obra que non estaba feita e por outro lado, non deixaba partida presupostaria para poder facela, o que demostra que non había intención ningunha de facela”.

Exit mobile version