Site icon Crónica3.com A Mariña

O concelleiro de Turismo de Burela fai un balance moi positivo da Feira do Bonito e dos actos paralelos deste pasado fin de semana na vila

Burela, 3 de agosto de 2015.- O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, destacou o éxito da Feira do Bonito e das actividades paralelas que este pasado fin de semana tiveron lugar na vila, como o descenso das carrilanas e a feira de produtos artesáns e ecolóxicos Produart. “Destacamos tanto o traballo de Ledicia, como da asociación Fanto Fantini e o de Acia de Burela na organización desta feira. Tamén queremos agradecer o traballo feito por todos os operarios do Concello que estiveron a disposición durante estes días para levar a cabo estes actos. Facemos un balance positivo desta fin de semana en Burela”, declarou o responsable de Turismo.

As primeiras impresións son dunha grande afluencia de visitantes por mor da Feira do Bonito: “tanto na oficina de turismo como o reparto de racións por parte de Ledicia e as visitas ao barco museo superaron en moito a media que estábamos recibindo, así que estamos moi satisfeitos por esta fin de semana en Burela no apartado de turismo. A verdade é que se lle deu un impulso á feira, xa que empezamos o venres co descenso de carrilanas, que realmente foi un auténtico éxito. Encheuse de xente a rúa Eijo Garay para velo. Tamén tiveron moito éxito os concertos que serviron para a presentación do festival Osa do Mar. Ledicia cumpriu os seus obxectivos de reparto de racións de bonito, así que estamos moi satisfeitos”.

Tamén a feira Produart deixou un bo sabor de boca, segundo o concelleiro socialista: “a afluencia foi moi grande, polo que hai motivos para estar contentos”.

Exit mobile version