Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela asinará un convenio de colaboración con Tráfico para que os veciños poidan realizar algúns trámites sen desprazarse a Lugo

260815 Foto xuntanza Trafico BurelaBurela, 26 de agosto de 2015.- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, reuniuse este mércores coa xefa provincial de Tráfico, Paula Lluvera, para abordar a sinatura dun convenio de intercambio de información e colaboración administrativa para que os veciños e veciñas podan realizar trámites deste departamento no Concello en lugar de ter que desprezarse a Lugo.

O rexedor detallou o contido do encontro, que avanzou cara unha nova colaboración dos dous entes: “existe un convenio no que se estipulan unha serie de requisitos para participar e colaborar entre Tráfico e o Concello en cursos, prestación de servizos e materiais, que xa tiñamos conveniado. Imos procurar facer este mes de setembro outro novo convenio que vai ser para evitar desprazamentos da xente do noso concello a Lugo. Sinxelamente, trátase de que cando se teña que mirar algún tema do carné de conducir, un cambio de enderezo ou documentación dos vehículos podamos facelo nós dende Burela descargando nun programa e eses datos pasámosllos á Dirección Xeral sen que vaian alí os usuarios. Dende logo que é unha vantaxe clara para a xente do noso municipio. Imos asinar este convenio porque nos parece moi interesante. Está conveniado coa FEMP, pero cada concello ten que aprobalo nun pleno e imos facelo case con toda seguridade en setembro”.

Na reunión tamén se trataron outras iniciativas de colaboración: “imos ter na semana do 19 de setembro a semana sen coches ou semana da mobilidade. Esperamos poder traer aquí un parque móbil, que é unha serie de vehículos, sinais de tráfico, semáforos… para poder iniciar aos rapaces novos a que fagan unha serie de prácticas e poidan saber o que é a cultura do tráfico”.

Alfredo Llano ve boa disposición a colaborar e salienta que “o Concello sempre participará en accións que melloren a seguridade dos veciños. En resumo, o que fixemos é buscar maneiras de colaborar, estar interesados en temas importantes como é a seguridade viaria. Imos meternos en programas de control de drogas, de cintos de seguridade, de idade do vehículo… sempre participando en programas que redunden na seguridade dos nosos veciños.Viuse colaboración absoluta nas dúas partes en todo o que pode importar para que todo funcione mellor con respecto a Tráfico”.

Exit mobile version