A concelleira de Xuventude e Deportes, Mercedes González Alonso, explicou que este xoves “rematamos a edición 2015 das Noites Alternativas coas fases finais de baloncesto no Campo da Cabana. Durante os meses de xullo e agosto, mediante a modalidade de torneos semanais, mozos e mozas de Foz e doutras localidades da Mariña así como algúns que pasan nesta zona as vacacións participaron en volei praia, baloncesto 3×3, fútbol praia sub 12-15-17 e sénior e fútbol sala sub 12-15-17 e sénior”.
Mercedes Gonzalez engadiu que este venres pola mañá “clausuramos o programa Aberto por vacacións cun evento celebrado no Campo da Cabana, no que houbo inchables e festa da escuma, que fixeron a delicia dos nenos e nenas que participaron en diferentes actividades ao longo destes dous meses, como rutas, obradoiros musicais, xogos populares, obradoiros e xogos normandos, … Leváronse a cabo en diferentes localizacións, como A Rapadoira, o campo de fútbol de Malates, o colexio Número 1 ou o Campo da Cabana. Neste programa participaron case un centenar de nenos e nenas e cada un dos meses: xullo e agosto”.
A concelleira de Xuventude e Deportes entregou unha orla aos nenos e nenas que hoxe remataban as actividades e escoitou atentamente como lle contaban o ben que o pasaran.