Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo comprométese coa recuperación da actividade dos obradoiros de artesanía dos Muíños

Mondoñedo, 28 de agosto de 2015- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, deixa claro o compromiso do goberno municipal coa recuperación da actividade dos obradoiros de artesanía dos Muíños. Resalta a importancia deste proxecto tanto para dinamizar o barrio como dende o punto de vista turístico.

Para avanzar nesta proposta de traballo “firme e seria”, a alcaldesa mantivo unha reunión cos artesáns durante a que incidiu en que dende o actual goberno local non se admitirán incumprimentos nas aperturas destes obradoiros. Candia adiantou que se consensuará un plan de traballo a desenvolver no 2016, e ao que se lle deberá dar cumprimento.

A popular lembra que nos Muíños se desenvolveu, impulsado polo PP no Concello, un proxecto de recuperación deste barrio, no que se incluíu a promoción e o asentamento destas actividades de artesáns nos Muíños. O proxecto foi recoñecido co premio Agader ao Embelecemento do Medio Rural Galego no 2005, pero o bipartito no goberno “abandonouno, non regulou a situación, nin renovou os convenios…”.

Por último, a alcaldesa asegurou que no plan que o goberno local desenvolverá a nivel turístico ten “especial protagonismo” os Muíños. Un dos primeiros compromisos adquiridos e ao que se lle deu cumprimento neste barrio foi o da recuperación das canles, que se “limparon e se dotaron de auga”.

Exit mobile version