Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo agradece o esforzo dos Amigos dos Cocos por “manter unha tradición de case medio século de vida”

cocosRibadeo, 17 de agosto de 2015. Onte, día de San Roque, saíron ás rúas de Ribadeo os Cocos e o Concello quere agradecer á Asociación Amigos dos Cocos que este percorrido fose posible un ano máis. O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, manifestou o seu recoñecemento ao “esforzo feito polos Amigos dos Cocos para que os nosos entrañables Coco e Coca e os seus fillos, os Cabezudos, saíran á rúa para bailar e alegrar coa súa presenza a toda a veciñanza e aos visitantes”.

O edil nacionalista dixo que “tras case século e medio de historia, os xigantes e cabezudos ribadenses volveron ser o mollo das nosas festas, son o fundamental, son a esencia, e son o tesouro enorme que están agardando os nenos para poder velos e bailar ao seu carón. Saíron un ano máis á vía pública e volveron xerar sorrisos e ilusións nas caras das nosas pícaras e pícaros e na xente adulta”.

Graña chama tamén a manter esta tradición tan querida polos veciños de Ribadeo: “para que isto fora posible os Amigos dos Cocos fixeron un gran esforzo en tempo, dedicación e ilusión posta no coidado dos nosos Cocos e os seus fillos, Os Cabezudos. Queremos felicitar en especial o empeño posto en elaborarlle un novo traxe á Coca. Animamos a seguir mantendo viva esa tradición tan nosa e damos unha vez máis as grazas por todo o esforzo realizado”.

Exit mobile version