Site icon Crónica3.com A Mariña

O concerto de percusión que abriu o ciclo “Agosto Musical” entusiasmou ao público que abarrotou o Cine Teatro de Ribadeo

080815 Foto Agosto Musical 3Ribadeo, 8 de agosto de 2015.- O concerto a cargo da sección de percusión da Banda Municipal de Música de Ribadeo xunto co grupo Calabash, que abriu este venres á noite o ciclo Agosto Musical organizado pola asociación Amadores da Música, entusiasmou ao público que abarrotou o Cine Teatro e incluso moitos dos espectadores acabaron bailando coas pezas que interpretaron a vintena de percusionistas que actuaron. Entre eles houbo un debutante nesta formación, o neno de 12 anos Iván García Moreda.

Dirixidos por Marcos Rodríguez Rodríguez, Calabash e a sección de percusión da Banda ribadense ofreceron varias pezas de música latina, pero tamén se atreveron con obras doutro tipo e incluso interpretaron unha de rock: Jump, de Van Halen. Todo isto despois de empezar o concerto de maneira espectacular coa interpretación da obra Short Circuits, de Lalo Davila, utilizando baquetas luminosas coa sala ás escuras.

O seguinte concerto do ciclo Agosto Musical será o vindeiro venres, día 14, ás 22:30 horas nas inmediacións do parque de San Francisco e correrá a cargo da sección de vento madeira da Banda Municipal de Música de Ribadeo xunto co grupo Clarinet Connection, coa dirección de David Ballester Martínez.

Exit mobile version