Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular demanda á oposición “un debate construtivo e menos crítica partidista” sobre os incendios forestais e o sector lácteo

Santiago, 31 de agosto de 2015.- O portavoz de Medio Rural do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, demandou dos grupos da oposición “un debate construtivo e menos crítica partidista” sobre os incendios forestais e a situación do sector lácteo, polo que fixo un chamamento “para afrontar este reto ao longo deste período de sesións porque estaríamos facendo un gran favor á sociedade galega e á nosa Comunidade autónoma”. Balseiro avogou por “agardar aos resultados do Consello de Ministros de Agricultura do vindeiro 7 de setembro e da efectividade da fronte común constituída por España, Francia, Portugal e Italia” para valorar a evolución do sector leiteiro.

Na súa intervención na Deputación Permanente, José Manuel Balseiro reiterou a “sorpresa” do Grupo Popular pola solicitude desta Deputación Permanente feita polos grupos minoritarios da oposición, “porque son dous asuntos xa abordados no Parlamento, tanto na Deputación Permanente celebrada o 23 de xullo como na comparecencia da conselleira no Pleno do 4 de agosto para informar do sector lácteo”.

Cambio de mentalidade nos incendios
Respecto dos incendios forestais, o portavoz popular indicou que “a sociedade demanda dos políticos un cambio de mentalidade e máis debate construtivo e menos crítica partidista”, polo que fixo “un chamamento aos grupos da oposición para afrontar este reto ao longo deste período ordinario de sesións”.

Balseiro afirmou que “non ten ningún sentido dar conta agora en sesión plenaria extraordinaria dos medios utilizados na loita contra os incendios” porque “non se pode aducir ocultación do dispositivo á sociedade cando a información é publica e plenamente accesible” a través da páxina web da Consellería do Medio Rural. Así mesmo, lembrou que a información sobre este operativo “foille facilitada o 5 de xullo a todos os membros do Consello Forestal e os datos sobre o seu cumprimento, obxectivos e eficacia será posta a disposición do Parlamento mediante a comparecencia da conselleira”.

Sector lácteo na axenda
José Manuel Balseiro considerou “importante” a crise dos prezos lácteos, polo que salientou que esta cuestión “centrou gran parte da axenda do Goberno de Galicia, co seu Presidente á fronte, durante o mes de agosto”. Neste sentido, fixo referencia á xuntanza celebrada polo Presidente galego con todo o sector lácteo o pasado 5 de agosto, á que se sumou a reunión celebrada pola ministra o día 18 de agosto para analizar as medidas implantadas.

Ademais, Balseiro tamén recordou a convocatoria para o vindeiro 7 de setembro dun Consello de Ministros de Agricultura para falar dos problemas do sector leiteiro. “Galicia xa fixo pública a súa postura e as súas demandas na propia comparecencia no pleno, a petición propia, da conselleira, fai menos de 30 días, e así o volverá a reiterar o vindeiro día 3 no Consello Consultivo para Asuntos Comunitarios”, apuntou. Neste eido, engadiu que o Goberno galego tamén está a agardar os resultados da fronte común constituída o pasado 28 de agosto entre España, Francia, Portugal e Italia.

Exit mobile version