Site icon Crónica3.com A Mariña

O médico lugués José Ignacio Vidal Pardo será o pregoeiro das festas patronais de Ribadeo, que arrincan o 28 de agosto

220815 Foto festas RibadeoRibadeo, 22 de agosto de 2015.- Coa celebración do Mercado Pirata no parque de San Francisco e co pregón do médico endocrinólogo lucense, José Ignacio Vidal Pardo, darán comezo o vindeiro venres, 28 de agosto, as festas patronais de Ribadeo, que se prolongarán ata o 8 de setembro.

Vidal Pardo foi presidente do Colexio Oficial de Médicos de Lugo, responsable do Consello Galego de Colexios Médicos de Galicia e na actualidade é membro da Real Academia de Medicina. O médico lugués é un asiduo do verán ribadense, localidade na que posúe unha vivenda e á que se achega sempre que pode.

O cartel e o programa foron presentados este sábado pola mañá no Concello de Ribadeo pola comisión organizadora, que preside César Fernández Murias, e polo alcalde, Fernando Suárez.

As orquestras Trébol, Superfama, La Fórmula, BreixaBand, Ledicia, Madeira, Capitol, Primeira Línea e Panamá Band serán as encargadas de amenizar as verbenas que haberá do 3 ao 8 de setembro.

Gimkanas e a festa da espuma figuran entre as actividades organizadas para os máis pequenos. O 5 de setembro haberá unha concentración de coches clásicos, o 6 será o día da bicicleta e o 7 ás doce da noite terá lugar a tradicional sesión de fogos artificiais no peirao. O programa de festexos complétano actuacións teatrais e musicais de charangas e da Banda Municipal de Música de Ribadeo, que intervirá tamén xunto á Coral Polifónica de Ribadeo na misa solemne do 8. Tampouco faltarán a esta cita festiva os Cocos e os Cabezudos.

Exit mobile version