Segundo os nosos cálculos, o bipartidismo confirma a súa lenta pero sostida recuperación desde as municipais, instalándose comodamente por riba do 50% dos votos. O maior cambio neste último mes súfreo Podemos ao perder algo máis dun punto en estimación de voto. O centralismo democrático evidenciado na confección das listas para as xerais parece estar afectando ao sector máis ideoloxizado e informado do seu electorado. O principal beneficiado do retroceso de Podemos é Esquerda Unida, que sobe nove décimas anque segue por baixo do limiar do 5% en case todas as circunscricións, o que en virtude da lei electoral limita enormemente a súa representación parlamentaria. Ciudadanos sobe lixeiramente ou cando menos detén a caída que viña experimentando desde o seu cumio demoscópico, previo ás eleccións municipais.
Practicamente todas as formacións nacionalistas melloran lixeiramente o seu nivel de voto, anque en escanos o avance sexa limitado. O máis destacado é o crecemento da porcentaxe do PNV e a recuperación por parte do BNG do segundo escano no Congreso, sempre a teor do que din as enquisas estatais cuxos resultados por Comunidades son moito menos representativos.
A caída de Podemos supera a suba do PSOE e a suma dos representantes de ambos afástase da posibilidade da maioría absoluta. Cabe lembrar que a coalición de goberno PSOE+Podemos é a opción preferida por unha maioría de cidadáns españois, a teor das últimas enquisas do CIS e de Encuestamos, que avaliaron todas as combinacións dous a dous entre as catro forzas principais.
O MIRANTE
Panorama da situación electoral · Agosto de 2015 · Asociación de Medios en Galego
Carlos Neira Cortizas
calidonia@calidonia.eu