Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP responsabiliza ao BNG por intentar politizar unha festa que é de todo o pobo de Cervo

CervoCervo, 17 de agosto de 2015.- O Partido Popular responsabilizou este luns ao BNG ante o intento de politizar de xeito partidista unha festa que é de todo o pobo de Cervo. Os populares fanse eco das queixas e do malestar trasladado por moitos veciños ante a presenza de bandeiras independentistas galegas no palco da orquestra durante a celebración da Festa do Ovo Frito.

Desde o Partido Popular lembran que se dá a circunstancia de que Bernardo Insua, presidente da sociedade deportiva Cervo-Sargadelos organizadora do evento é tamén o máximo responsable do BNG local e único concelleiro nacionalista na Corporación Municipal. As bandeiras independentistas son tamén o símbolo que representa á formación nacionalista.

Os populares censuran o intento de manipulación política que o BNG fixo da sociedade deportiva e dunha actividade festiva que é de todo o pobo de Cervo e poñen en valor que esta actitude non foi quen de escurecer o éxito da nova convocatoria desta festa, polo que trasladan o agradecemento a todos os veciños que participan na súa organización a pesar do comportamento tan reprochable dos nacionalistas.

Desde o Partido Popular lembran que esta actitude de manipulación partidista dunha festa é máis propia de réximes totalitarios e non de países democráticos e representan un comportamento moi burdo daqueles que parecen estar obsesionados por enlodar politicamente ata as celebracións máis tradicionais do pobo de Cervo, que deberían estar exentas de toda manifestación política, do BNG e de calquera outro partido.

Exit mobile version