Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente da ACIA-CCA, José Carlos Paleo, pregoeiro da V Festa Normanda de Foz

Foz, 27 de agosto de 2015. O presidente de Acia/CCA, José Carlos Paleo, será o encargado de pregoar a quinta edición da Festa Normanda de Foz, acto que se celebrará este venres 28, ás 20.30 horas na área recreativa do Bispo Santo.

José Carlos Paleo naceu no ano 1961 na localidade focense de Forxán. Está casado e ten dous fillos. Estudou Formación Profesional e é empresario desde o ano 1986. Foi un dos socios fundadores da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz, no ano 1988, e nesa primeira xunta directiva ocupou o cargo de tesoureiro. Desde 2010 preside Acia Foz e desde o pasado ano 2014 tamén é o máximo responsable do Centro Comercial Aberto. Ademais foi presidente da comisión de festas de San Lourenzo.

O presidente de Acia/CCA foi primeiro tenente de alcalde desde 1991 a 1995, e concelleiro de Cultura, Servizos Sociais, Mocidade, Tráfico e Consumo. Durante os seus diferentes cargos na vida política municipal José Carlos Paleo formou parte dos equipos que dotaron a Foz de casa de cultura, centro social, oficina municipal de información xuvenil, escola de música e banda municipal. Promoveu a creación de Xuvenfoz, da primeira asociación de xubilados do municipio, das xornadas históricas da Mariña lucense, a publicación de diversos libros, a difusión dos atractivos de Foz en programas de Televisión Española e Televisión de Galicia, así como noutros medios de comunicación. Tamén participou no proxecto para a creación da emisora de radio municipal Radio Foz e colaborou na celebración e dinamización de varias edicións do Carnaval focense, da cabalgata dos Reis Meigos, de diferentes festivais e de numerosas actividades culturais, como representacións teatrais e concertos musicais. Ademais foi un dos creadores da Festa Normanda e da Feira de Mostras Multisectorial.

Exit mobile version