Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE denuncia a Candia ante o Valedor do Pobo por ocultar o patrimonio dos 25 Deputados, infrinxindo a Lei de Transparencia

santos-valedorO Grupo Provincial Socialista denuncia a Candia ante o Valedor do Pobo por ocultar o patrimonio dos 25 Deputados da Corporación Provincial e infrinxir a Lei 19/2013 de transparencia, acceso á información e bo goberno. Esta normativa dita que as administracións teñen a obriga de publicar e ter accesible nas súas sedes electrónicas as declaracións anuais de bens e actividades dos representantes locais. Así o tiña o Goberno progresista de Gómez Besteiro xa dende o ano 2011, é dicir, moito antes da entrada en vigor desta normativa. Coa chegada de Candia á Deputación de Lugo esta información desapareceu de www.deputacionlugo.gal.

Por este motivo, este mesmo venres o PSOE trasladou esta denuncia ao Valedor do Pobo. Álvaro Santos Ramos foi o encargado de presentala oficialmente este venres na sede do Valedor do Pobo en Santiago de Compostela. O Deputado socialista esixiu a Candia a inmediata publicación desta documentación e, “cando menos, a dos 11 Deputados do PSOE que nada temos que agochar. Non sei a Presidenta e os restantes membros do Partido Popular”.

Santos Ramos subliñou que “co Partido Popular, a Deputación de Lugo foi declarada polo Valedor do Pobo ata en dúas ocasións como unha administración hostil e empobrecedora. Gómez Besteiro foi capaz de deixar atrás todo isto ata conseguir que a de Lugo se convertese na sexta Deputación de España máis transparente. Candia herdou o peor do caciquismo. Así o amosa tamén ocultando o patrimonio dos Deputados e infrinxindo a Lei de Transparencia, ou negando aos lucenses Presupostos Participativos para 2016”.

Besteiro adiantouse á Lei de Transparencia
Adiantándose á Lei de Transparencia, Gómez Besteiro propuxo no 2011 facer público o patrimonio dos 25 membros da Corporación Provincial. Para poder facelo, levou ao Pleno do 25 de outubro de 2011 unha modificación do Regulamento Orgánico da Deputación de Lugo, que foi aprobada por unanimidade. Isto posibilitou que, por primeira vez, se publicase a relación de bens e actividades no Boletín Oficial da Provincia (BOP), así como en www.deputacionlugo.gal, onde estivo sempre ata que chegou Candia á presidencia. Dende dito portal, podíase acceder a esta documentación dun xeito sinxelo: dende a portada, entrando directamente no espazo de “Transparencia”, ou ben accedendo, tamén dende a portada, primeiro a “Entra na Deputación”, logo en “Corporación Provincial” e seguidamente en “Retribucións” e “Patrimonio dos Deputados”. Hoxe isto é imposible, posto que Candia non permitiu a publicación desta información aos servizos provinciais correspondentes a pesares de tela nas súas mans dende que é Presidenta, posto que os Deputados teñen a obriga de entregala antes da súa toma de posesión.

Exit mobile version