Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE provincial matiza que Candia non deu nin un só euro ao sector pesqueiro, posto que as axudas resoltas este venres son do Goberno Besteiro

Lugo, 14 de agosto de 2015.- O Grupo Provincial Socialista desenmascara, unha vez máis, as mentiras e a política populista de Elena Candia que este venres vendeu a bombo e platillo como unha medida nova do PP as axudas de 100.000 euros ao sector pesqueiro do Goberno de Gómez Besteiro. Trátanse das subvencións do plan único en Galicia de recuperación da frota de baixura da provincia, que creou o Executivo progresista dentro da súa aposta polo impulso dos sectores produtivos e en resposta ás peticións dos veciños nos Orzamentos Participativos de 2015.

O Deputado provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, explicou que “Candia non deu nin un só euro ao sector pesqueiro. As axudas, cuxa resolución aprobou hoxe a Xunta de Goberno, son do Executivo progresista de Besteiro. Son as subvencións do plan pioneiro en Galicia de recuperación da frota de baixura da provincia que nós creamos; que, sendo previsores e co obxectivo de que todo o sector lucense se beneficiase, dotamos de 150.000 euros, polo tanto, quedan 50.000 euros que se poden destinar a máis axudas para este sector; cuxas bases elaboramos, aprobamos na Xunta de Goberno do 6 de febreiro e publicamos no BOP do 7 de febreiro, abrindo, ao día seguinte, o prazo de solicitude. Só quedaba que, unha vez transcorridos os prazos legais, unha Mesa Técnica e non política, tal e como acordamos facer, avaliase as solicitudes presentadas e fixese a proposta de adxudicación que, finalmente, acordase a Xunta de Goberno. Isto último, e soamente isto, é o único que fixo o Goberno de Candia: aprobar a resolución das nosas axudas”

Podes consultar na seguinte ligazón a acta da sesión da Xunta de Goberno do 6 de febreiro: http://bit.ly/1WoVlER. Tamén podes consultar o BOP do 7 de febreiro http://bit.ly/1KlrCnn.

“Candia non quere recoñecer o brillante traballo levado a cabo polo Goberno de Besteiro. Prefire mentir, como é habitual, e tenta facer seus os plans únicos que puxemos en marcha e que tanto se encheu de criticar estando na oposición, mostra do seu cinismo e hipocrisía”, remarcou o socialista.

O plan do Goberno de Besteiro
O Goberno de Besteiro creou este plan, convertendo á Deputación de Lugo na única Administración local de Galicia en contar cunhas axudas deste tipo, coas que o sector poden acometer melloras que revirtan no aumento da competitividade das preto de 100 embarcacións de pesca de baixura inscritas na provincia e as condicións dos preto de 400 lucenses que viven directamente dela.

As axudas están dirixidas ás embarcacións que se adiquen á pesca de baixura na provincia, isto é, que teñan como porto base calquera dos 8 existentes (Burela; Celeiro; Viveiro; San Cibrao; Ribadeo; O Vicedo; Foz, e Rinlo). O seu obxectivo é prestar axuda económica para levar a cabo melloras nas embarcacións: de tipo tecnolóxico (equipamentos de radio; ecosondas, etc.); aquelas outras encamiñadas ao aumento da seguridade dos tripulantes; as melloras nos aparellos e útiles de traballo ou nos equipamentos complementarios, de cara a incrementar a produtividade do barco, así como a calidade e seguridade alimentaria da pesca ata a súa chegada a porto.

Permiten subvencionan ao 100% as actuacións que se leven a cabo ata un máximo de 3.000 euros por barco, sempre que os seus propietarios conten co permiso de explotación, e as embarcacións obxecto de mellora estean inscritas no Rexistro de Buques Pesqueiros, como barco de pesca de baixura, isto é, na categoría de Caladeiros Nacionais Artes Menores, en calquera porto da Mariña. Para determinar a contía a percibir, tívose en conta criterios como o número de empregos que xere o propietario ou a idade do barco, en función da súa data de entrada en servizo.

Máis axudas do Executivo progresista
O Executivo de Besteiro fixo que a Deputación de Lugo fose o único organismo provincial en Galicia que colabore con todas as confrarías e agrupacións de mariscadoras da provincia a través de 20.000 euros, que se reparten a partes iguais. Co PP na Deputación, a única cofraría que recibía axudas era a do Vicedo.

Exit mobile version