Site icon Crónica3.com A Mariña

O xefe de servizo de SEPIE destacou no IV Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos de Ribadeo que no Estado se aprobaron este ano 307 proxectos de mobilidade Erasmus +

270815 Foto Forum 2Ribadeo, 27 de agosto de 2015.- Polo IV Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que se celebra en Ribadeo, pasou este xoves José Antonio López, xefe de servizo de SEPIE, a axencia nacional de xestión do programa Erasmus +. López Álvarez destacou que este ano se aprobaron en España 307 proxectos de mobilidade, que implicarán que tanto alumnos coma profesores visiten outros países durante o curso 2015/2016 para completar a súa formación, e 39 proxectos de cooperación con outros centros e entidades, que coordinan entidades españolas.

O xefe de servizo de SEPIE expuxo na súa intervención accións clave e posibilidades no sector da FP: falamos das diferentes accións clave que ten o programa, as posibilidades de financiamento que hai para entidades que queren facer proxectos de cooperación europea, para non soamente mandar alumnos, que é a acción de mobilidade máis coñecida do programa, senón que tamén existen outras posibilidades: facer proxectos de cooperación con outras entidades, desenvolver materiais didácticos ou produtos doutro tipo de forma conxunta con outros países”.

José Antonio López Álvarez destacou que “en España estes programas teñen moita demanda, non podemos financiar todos os proxectos aprobados, o proceso é bastante competitivo, pero na convocatoria deste ano saíron aprobados 307 proxectos de mobilidade en todo o país, de centros que van mandar alumnos ou profesores fóra. E tamén temos 39 proxectos soamente no sector de Formación Profesional de centros que coordinaron iniciativas de cooperación”.
O profesorado que viaxa a outros países “descobre que hai moito que aprender doutros países, pero tamén que moitas veces as cousas se fan en España moito mellor do que nós pensamos. Sempre cambia a perspectiva que teñen os profesores respecto ao seu traballo: ven o que se fai fóra, o que se fai mellor e tamén o que se fai igual de ben aquí. E logo para o centro estes profesores son embaixadores do programa para os seus compañeiros, que se volven moito máis dinámicos”.

Na tarde deste xoves será APAGA, a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, a que presente os resultados do proxecto de mobilidade Aprender a aprender na FP, que os levou a viaxar a Italia, Alemaña e República Checa. Será ás 19:30 horas. E xa pola noite celebrarase a asemblea xeral anual do colectivo.

O IV Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos concluirá este venres. Nesa xornada falarase de tecnoloxía futura no presente, de Citröen como marca ao longo da historia e de motorizacións PureTech.

Xa o sábado e o domingo terá lugar a III Mostra de Vehículos Clásicos, nos xardíns do hotel O Cabazo.

Exit mobile version