Site icon Crónica3.com A Mariña

Obradoiro de GAIA en Burela sobre os danos polo abandono de residuos nas praias

residuos-praiasBurela, 24 de agosto de 2015. O abandono de residuos nas praias e as súas consecuencias para o medio natural centraron está mañá unha nova acción da Concellería de Medio Ambiente e do Centro de Educación Medioambiental Gaia. As monitoras de Gaia puxeron en marcha un obradoiro dirixido a nen@s e titulado Efectos do abandono de residuos nas praias, unha actividade coa que queren concienciar “da necesidade de conservar e protexer o litoral dos posibles danos que producimos abandonando os residuos despois dun día de praia, como latas, gomas de mascar, botellas e vasos de plástico ou de vidro, bolsas ou cabichas de cigarros”.

Desde Gaia explican que “o obradoiro fíxose a través dun xogo no que os rapaces tiveron que encestar unha pelota nunha canastra relacionando os anos que tardan en degradarse determinados envases, como botellas ou bolsas ou outro tipo de lixo (toalliñas, cabichas,vasos…) coas casillas que representan os anos que tarda en descompoñerse. Por exemplo, unha cabicha baixo os raios do sol pode tardar ata 300 anos en desaparecer. O filtro de acetato de celulosa e as bacterias do chan acostumadas a combater a materia orgánica non poden atacala. Se acaba no mar a contaminación é máis rápida e máis grave”.

As monitoras tamén lles explicaron aos participantes as características dos distintos tipos de residuos e a súa perigosidade para o medio ambiente en función do tempo que tardan en degradarse: “con esta actividade preténdese propiciar un comportamento respectuoso co medio ambiente mantendo as nosas praias limpas mediante o uso correcto de colectores e papeleiras”.

Os rapaces participantes recibiron a visita da concelleira Noelia Mª Ben.

Exit mobile version