Site icon Crónica3.com A Mariña

Os concelleiros do PSOE e BNG renuncian ó cobro das dietas pola asistencia ó pleno extraordinario da corporación municipal lauretina celebrado este xoves

Lourenzá, 28 de agosto de 2015. Os concelleiros de PSOE e BNG na corporación municipal de Lourenzá decidiron renunciar ao cobro de dietas polo asistencia ao pleno extraordinario celebrado na tarde noite de onte.

A alcaldesa, Rocío López, explicou que “o pleno celebrado onte na Casa do Concello de Lourenzá foi de carácter extraordinario motivado, entre outras razóns, pola necesidade de tratar diversos temas de carácter urxente. Ante o malestar xerado por parte dos concelleiros do Partido Popular, BNG e PSOE poñen de manifesto a súa intención de renunciar as dietas por asistencia a dita sesión e así o fan constar en acta. Distinta foi a actitude do Partido Popular que expresou o seu desacordo coa celebración de dito pleno extraordinario, argumentando que non era necesaria, pero logo actúa de xeito pouco coherente e deixan clara a súa postura de cobrar por asistir a dita sesión”.

A rexedora municipal engadiu que neste pleno “deuse conta, entre outras cousas, dos informes de Secretaría-Intervención acerca do período medio de pago a provedores, execución do presuposto e plan de axuste do primeiro e segundo trimestre do 2015. Ademais deuse conta da liquidación do presuposto do exercicio 2014. Outro dos temas a tratar na sesión foi a elección do xuíz de paz titular do Concello de Lourenzá, que, tras a aprobación por unanimidade dos 11 concelleiros presentes, é José López Fernández. A maiores de todo o anterior aprobouse, tamén por unanimidade e cun engadido do BNG, unha moción do grupo municipal socialista sobre a regulación dos festexos populares en Galicia”. Sobre este asunto Rocío López manifestou que se sinte “contenta e orgullosa de que esta moción fose aprobada cun consenso unánime dos tres grupos políticos do concello. En Galicia, a diferenza doutros lugares de España, son os veciños os que organizan, xestionan e financian as festas populares que se celebran nas súas parroquias. Son consciente do enorme traballo que supón isto para os meus veciños, que cada día se atopan con máis trabas á hora de organizar as súas festas. As circunstancias actuais que afectan a este sector poñen en risco a súa supervivencia. Dende o grupo municipal socialista decidimos presentar esta moción instando ó Goberno galego e de España en demanda dunha regulación fiscal que atenda as peculiaridades do sector e dunha revisión da lexislación de espectáculos e das licencias que son hoxe tan restritivas coa actividades das orquestras e das festas populares”.

A alcaldesa tamén comentou que “outro dos temas a tratar na sesión de onte foi a modificación da ordenanza reguladora da venda ambulante incorporando dous puntos máis no apartado 15.1.bis i) referente ás obrigas dos produtores titulares dos postos dos mercados periódicos dominicais, aprobada tamén por unanimidade. Relacionado con este tema, queda sobre a mesa para un posterior estudo a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa polo servizo municipal de mercado. Tamén se aprobou facer unha declaración institucional por unanimidade dos once concelleiros presentes en defensa do sector lácteo galego a partir da moción presentada polo Partido Socialista. A situación que están a vivir as explotacións de leite galegas, obrigadas a vender a uns prezos que non cobren nin os custos de produción, fai que sexa insostible e pon en perigo a supervivencia do sector. Por iso é preciso unirnos todos e sumar esforzos para loitar en defensa dos intereses dos gandeiros galegos, para que garantir que todas as persoas que viven, dun xeito directo ou indirecto, do leite poidan facelo dignamente”.

Por outra parte, Rocío López manifestou que lamenta “as condicións e as formas pouco idóneas, a través dunha mensaxe de whatsapp, que utilizou o Partido Popular para poñerse en contacto comigo, o venres pola mañá, para mostrarme a súa intención de incluír no pleno unha declaración institucional contra a violencia de xénero. A violación dos dereitos humanos é un tema moi serio, polo que non me parecen formas presentar ese texto por unha mensaxe de whatssapp. Neste senso, o Partido Socialista tendeu a súa man para reunirse cos concelleiros da oposición e elaborar unha declaración institucional contra a violencia de xénero, que sexa realizada conxuntamente e por consenso dos tres grupos políticos, pero de xeito serio e rigoroso”.

A rexedora rematou lamentando “o ambiente tenso que se viviu no pleno de onte, onde a portavoz do Partido Popular, a señora Emma Álvarez, mostrou pouco respecto e tentou en reiteradas ocasións desprestixiar ao equipo de goberno, e máis concretamente a algún concelleiro. Lamento ter que vivir esta situación; os que me coñecen saben de sobra que eu non son para nada dese estilo. Estamos aquí para traballar e facer cousas para os nosos veciños e para Lourenzá, non para desprestixiar a ninguén, como fai o Partido Popular. Todos os grupos políticos deberíamos traballar no mesmo sentido. Os cidadáns de Lourenzá depositaron en min a súa confianza para dirixir este concello é por iso que estou aquí para traballar, para facelo conxuntamente, pero con respecto, e non penso entrar nas confrontacións políticas ás que nos ten acostumados a señora Álvarez”.

Exit mobile version