Site icon Crónica3.com A Mariña

Os Concellos de Burela e Viveiro reciben axudas de Benestar para programas de inclusión social

Lugo, 10 de agosto de 2015.- A Consellería de Traballo e Benestar investirá algo máis de 206.000 euros en financiar os programas de inclusión social dirixidos á poboación xitana e inmigrante que desenvolven cinco concellos da provincia.

Este investimento supera nun 7,5% a contía destinada o pasado ao mesmo fin, que foi distribuída igualmente entre os concellos de Quiroga, Monforte de Lemos, Lugo, Burela e Viveiro. Ao respecto, cabe subliñar que obtiveron axuda todos os municipios que o solicitaron.

En liñas xerais, este programa de subvencións contempla financiar as seguintes actuacións: itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral; intervencións educacionais para mellorar as condicións residenciais das persoas ou familias incorporadas a procesos de realoxo, erradicación do chabolismo, ou con carencias básicas no fogar; accións educativas enfocadas aos menores; asesoramento técnico especializado; e apoio ás persoas inmigrantes no relativo á realización dos trámites precisos nas autorizacións e renovacións de residencia e traballo.

Ao abeiro destas liñas principais de traballo cos colectivos beneficiarios, levaranse a cabo medidas máis concretas como cursos de alfabetización dixital, accións formativas para obter certificados de profesionalidade, orientación e apoio ao alumnado, ou aprendizaxe de linguas para a poboación inmigrante, entre outros.

O obxectivo último de todas estas actuacións é acadar a inserción sociolaboral destes colectivos.

Esta orde de axudas inscríbese na aposta do Goberno galego pola inclusión social, que se reforza cada ano. En total, a partida destinada ás persoas e grupos de poboación en situación ou risco de exclusión social conta neste exercicio cuns 70 millóns de euros, un 17,7 por cento máis que en 2014.

Exit mobile version