Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas acusan a Candia de “culpar ós traballadores da Deputación da súa visible inoperancia do xeito máis caciquil, déspota e ruín”

“Do xeito máis caciquil, déspota e ruín, Candia non dubida nin un intre en culpar directamente aos traballadores públicos da súa visible inoperancia, incapacidade e claro incumprimento da lexislación vixente. Pois, en primeiro lugar, é de plena responsabilidade da Presidenta e do seu Goberno Provincial facer pública e ordenar a publicación da relación de bens e actividades dos 25 membros da nova Corporación Provincial unha vez tomen posesión da súas actas como Deputados tanto na web provincial como no BOP. Se Candia e os seus compañeiros do PP non o fixeron, non o permitiron facer ou non deron esa orden, será porque teñen algo que agochar ou ben porque descoñecen, absolutamente, as responsabilidades e o funcionamento das administracións públicas como a Deputación, así como da Lei de Transparencia. E, en segundo lugar, ninguén ten que alertar ao PSOE da ocultación desta información por parte de Candia, posto que, dende 2011, estivo permanentemente ao acceso dos cidadáns dun xeito visible en www.deputacionlugo.gal. Só é preciso consultar a web provincial para corroborar que esta documentación non está na web. Calquera cidadán cuns coñecementos mínimos de informática o pode comprobar”.

Así de contundente o remarcou esta tarde o Deputado provincial do PSOE, Álvaro Santos Ramos, tras coñecer a “máis esperpéntica escusa de Candia” ao respecto da ocultación dos datos patrimoniais, pois culpou aos traballadores públicos da falta desta información na web da Deputación (polo contra, aínda non dixo nada sobre a súa non publicación no BOP), “dando a entender que quen goberna e decide na Deputación de Lugo son os funcionarios e non o Executivo provincial do Partido Popular”.

Santos Ramos engadiu que “do xeito máis ruín, déspota e caciquil, Candia culpa da non publicación desta información en www.deputacionlugo.gal a un funcionario que dentro da súas competencias non está a de decidir que contido se fai público ou non na web provincial, e moito menos a de custodiar a información relativa á declaración de bens e actividades dos membros da Corporación Provincial. Candia debería saber que esta información só a ten a Secretaria Xeral da Deputación”.

Tampouco se publicou no BOP
O PSOE tamén denunciou ante o Valedor do Pobo que Candia tampouco publicou no Boletín Oficial da Provincial (BOP) a relación de bens e actividades dos 25 novos Deputados Provinciais, tal e como o estable facer o Regulamento Orgánico da Deputación de Lugo. Ao respecto, Santos Ramos preguntou “¿a que traballador público vai a culpar disto agora Candia para tentar agochar o seu absoluto descoñecemento sobre o Regulamento da Deputación, sobre o documento oficial que rexe todo o funcionamento do organismo provincial. ¿Tamén vai a asegurar que son os traballadores públicos os que deciden que anuncio se fai publica e cal non no Boletín Oficial da Provincia?”.

“O Partido Socialista non vai a permitir que Candia e o seus compañeiros do PP continúen calumniando aos traballadores da Deputación para agochar a súa ineficacia, incapacidade e claro incumprimento da lexislación vixente. Hai que ser moi ruín e déspota para facer isto”, sentenciou.

Exit mobile version