Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Ribadeo presentan unha moción de apoio á “situación económica límite” das explotacións leiteiras

As explotacións lácteas galegas están nunha situación económica límite: ameazadas con deixar de recollerlles o leite, prezos ruinosos, a imposición de contratos de condicións abusivas por parte das industrias e a banalización do leite por parte da distribución, que segue a empregalo como produto reclamo.

Miles de familias viven de xeito directo e indirecto da produción de leite en Galicia, sendo en moitas comarcas un sector estratéxico tanto a nivel de emprego como dende o punto de vista económico, social ou de xestión do territorio. Fronte á profunda crise que está a vivir o sector lácteo galego e á ameaza de deslocalización da produción de leite cara a outras partes do estado e de Europa.

A mala acollida nun principio do paquete lácteo, polo menos por unha banda do sector industrial, contribuíu a que en España se produza un fenómeno que non ten precedentes en ningún país da UE e moito menos nun país deficitario como é o noso, cal é o abandono de rutas de recolleita ou ameazas de non recoller. Esta situación é insostible e menos nun produto tan perecedeiro como o leite.

A sinatura de máis de 3.000 contratos con prezos de entre 18 e 22 céntimos por litro, arruína aos gandeiros a curto prazo e ameaza con desequilibrar toda a cadea de valor.

Dende fai máis de un mes, tanto a nivel galego como nas diferentes comarcas máis importantes de Galicia a nivel de produción de leite, os gandeiros e gandeiras véñense manifestando de forma moi importante esixindo das administracións en xeral e sobre todo do Goberno Galego unha rápida intervención e que lidere propostas políticas a nivel nacional e europeo sen que ata o de agora sexan escoitados.

Por todo o anterior, o Grupo Municipal Socialista de Ribadeo, dado a importancia que o sector representa neste concello, como dinamizador fundamental e base da nosa economía produtiva propón ó Pleno municipal a adopción dos seguintes ACORDOS:

Solicitar do Goberno da Xunta de Galicia a que de acordo co sector desenvolva medidas políticas urxentes para evitar o peche de miles de explotacións de leite.

MEDIDAS A CURTO PRAZO
1. Cuantificación do excedente lácteo e xestión do mesmo a través dos mecanismos de intervención, almacenamento privado e entrega a terceiros países.

España é un país importador de leite, tanto de produtos elaborados como de leite en po. O goberno de España ten que xustificar a posta en marcha das medidas de intervención desde a idea de que o noso país vive nestes momentos unha situación excepcional con risco de grave desvertebración do conxunto do sector produtor. Débese por en marcha compras públicas de intervención para o leite en po e manteiga a prezos que se cubran polo menos os custos de produción dos gandeiros. O almacenamento privado e a entrega a terceiros países son sen dúbida fórmulas que tamén deben ser tidas en conta. O mundo necesita leite e nos nestes momentos podemos proporcionarlla.

2. A cuantificación do excedente loxicamente precisa dun procedemento polo miúdo e depurado de información que permita facer un balance de leite.

3. Vixilancia e sanción dos contratos lixo, de modo que se consideren nulos e se logre o compromiso coa industria que opera en España para recolocar ese leite a prezos de mercado.

Nun contexto no que os mercados nacionais e internacionais ofrecen expectativas, é preciso recoller todo o leite que existe no mercado a prezos de mercado.

4. Acabar coa banalización que con frecuencia se fai do leite e os produtos lácteos nos lineais da gran distribución.
É preciso xerar valor na cadea láctea e que devandito valor se reparta ao longo da mesma.

MEDIDAS A MEDIO PRAZO:
1. Regulación dos primeiros compradores de modo que sexan verdadeiros operadores loxísticos que aporten algún valor na cadea, e non meros intermediarios.

A esixencia de un aval suficiente poder ser unha forma de regulación que ofreza garantía de cobro aos produtores. Tamén se debe axilizar a retirada do permiso de actividade no caso de reincidencia nas prácticas nocivas para o sector.
2. Necesidade de recuperación do consumo.

Impulso do programa de leite escolar que permita unha mellora da imaxe do leite e os produtos lácteos e un aumento do seu consumo nun fragmento de poboación máis nova. Mellora da imaxe do leite e os produtos lácteos, utilizando argumentos que contrarresten a imaxe negativa do leite que se da en moitos ámbitos.

3. É preciso estabilizar as relacións entre os distintos axentes da cadea láctea.

A interprofesional láctea e o contrato lácteo son elementos importantes de estabilidade e vertebración sectorial. É preciso buscar fórmulas novidosas que resolvan a difusión dos índices de referenciación de prezos para o seu uso de forma xeneralizada nos contratos lácteos.

É unha prioridade para que a negociación dos termos do contrato se produzan en condicións de equilibrio. Varios son os elementos que producen desequilibrio na negociación. Un é o carácter perecedeiro do produto, a diferenza da capacidade de concentración entre produtor e industrial, e a existencia dunha única canle de venda de leite sexa a primeiros compradores ou a industrias.

4. Aposta por unha verdadeira negociación colectiva dos elementos do contrato a través das organizacións de produtores tal e como o paquete lácteo permite.

Desenvolvemento da figura do mediador, para que interveña naqueles casos en que non exista acordo nas condicións de contrato previo á sinatura do mesmo ou para aqueloutros en que a industria nin sequera se queira sentar coas organizacións de produtores.

A deslocalización da produción láctea é unha das grandes preocupacións pois pode afectar a moitos dos pequenos e medianos produtores de leite. É necesario establecer instrumentos para evitalo.

5. Establecer un plan estratéxico de futuro para o sector lácteo galego.
Consideramos necesarias medidas de carácter estratéxico para reforzar e asegurar a posición de liderado do sector lácteo galego en España e poder facer fronte en mellores condicións a posibles crises de baixos prezos de mercado que poden repetirse na nova situación de mercado liberalizado. Neste sentido hai que acordar e comprometerse á elaboración urxente, tal como o PSdeG-PSOE reclamou de forma reiterada, dun plan estratéxico de sector Lácteo Galego:

– Contando con todos os axentes implicados.
– Con compromisos orzamentarios axeitados, claros, e calendarizados.
– Con medias enfocadas para que os produtores poidan abaratar os custos de produción e centrados fundamentalmente nun eficaz acceso a máis base territorial
– Con un plan industrial propio galego que conte coas cooperativas, e que dote a este país de estruturas de fabricación de produtos elaborados que xeren maior valor engadido que o leite líquido.

Exit mobile version