Os pregóns das festas teñen, por sí mesmos, unha emotividade particular porque, en xeral, son os sentimentos, mais que as razóns, os que poñen voz aos mesmos; non é a cabeza, senon o corazón, o que se expresa; non é a razón, senon os afectos os que inspiran as verbas do pregoeiro, e xa se sabe que o corazón non entende de medidas nen de exactitudes e moitas veces ten razóns que a mente non comprende.
A lectura do pregón do San Lourenzo é unha vella tradición que pode ter uns 60 anos, aínda que non de forma ininterrumpida, e pola tribuna pasaron xentes indíxenas ou que, salvo excepcións, tiveron unha significada relación co noso pobo.
As festas patronais da vila toman este ano a arrincadeira co pregón que, na Casa da Cultura Poeta Manuel María, pronunciará o vindeiro día 7 de agosto Nemesio Rodriguez, persoa que, sen ser nativa, acadou a plena identificación coas xentes e os aconteceres da nosa sociedade.
Ninguén dubida de que o amor ó curruncho da nacencia non se sustitue polo amor a outros espazos e tempos que o destino vai deparando. “A miña patria é a miña infancia”, dixo Rainer María Rilke; Alvaro Cunqueiro dixera que “é a terra e os mortos”; para o poeta ruso Lermotov “é alí onde nos aman” e para Cicerón “está onde queira que te atopes a gusto”…
Hai quen, sen embargo, sen renunciar aos seus quereres primixenios, tiveron ao longo das experiencias vitais, a oportunidade de ampliar o seu mundo afectivo, gañando novos amores e, polo tanto, enriquecendo a bagaxe dos sentimentos. Seguro que ese é, con relación a Foz, o caso de Nemesio Rodriguez, que chegou á vila hai preto de 40 anos para entregarse, en corpo e alma, ó labor mais transcedente para a sociedade, do que Simón Bolívar dixera: “O obxeto mais noble que pode ocupar ó home é ilustrar aos seus semelllantes”. Na formación humana, intelectual e profesional das novas xeracións hai que depositar as esperanzas dun mundo mellor.
Nemesio, persoa valorada e querida en Foz e a bisbarra, é un claro exemplo de entrega e dedicación entusiasta á súa función, superando sempre o esforzo que esixía o cumprimento honesto do que era a súa obriga. E así logrou dirixir un centro educativo que foi modélico a través de tantos anos baixo a súa batuta. Afrontou unha árdua tarefa para lograr tal obxetivo porque á súa chegada atopuse con todalas carencias para desenvolver o cometido: mesmo sen aulas nas que acubillar o alumnado.
Da grave problemática que tivo que afrontar, do que loitou pola solución da mesma, da atención permanente, das xestións e do traballlo ímprobo realizado, é testemuña de excepción quen asigna estas liñas: presidente-fundador da APA do Centro, que desempeñou durante os 6 primeiros anos do mesmo, vivíu moi de preto tanto esforzo e tanto entusiasmo cos que gañou o prestixo e os afectos que o rodean. Nen os atrancos de saúde- que non faltaron- fixeron que o executivo exemplar mermara o ritmo da dedicación, do esforzo, nen da ilusión por ver logrados os obxetivos que a cotío se marcaba. O recoñecemento chegoulle hai uns anos ao ser investido por O Mundo de Galea, Cabaleiro da Orde do Mariscal Pardo de Cela, máximo galardón que concede dita Asociación a aqueles que dende a cultura, a empresa ou a pofesión contribuen de xeito notable ó benestar da nosa sociedade. Esa é, só en parte, a personalidade de quen este ano, con todo merecemento, pregoa as festas de San Lourenzo de Foz. O cronista ratifícase na admiración e no fondo afecto que sente por él.