Site icon Crónica3.com A Mariña

Preto de 1.200 mozos e mozas participan na Campaña de Verán de Xuventude na comarca da Mariña

xuventude-viveiroViveiro, 20 de agosto de 2015.- Preto de 1.200 mozos e mozas están a participar ao longo dos meses de xullo e agosto nas actividades da Campaña de Verán da Xunta nas instalacións xuvenís da comarca da Mariña, en Area de Viveiro e A Devesa de Ribadeo. En concreto, en Viveiro ofertáronse este ano 520 prazas e en Ribadeo 655.

A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe aos integrantes da última quenda de Viveiro, que participan nun campamento de carácter náutico e mariño ata o día 29. Son 100 mozos e mozas de entre 13 e 15 anos de idade, que contan con actividades como vela, windsurf ou wake board.

En total, na provincia de Lugo ofertáronse este verán máis de 1.800 prazas dentro da Campaña de Verán, nas instalacións de Area, en Viveiro; Benigno Quiroga, en Portomarín; A Devesa, en Ribadeo; Os Chacotes, en Palas de Rei; Lug 2 en Lugo; e o Poboado dos Peares, en Carballedo. Nesta oferta tamén se inclúen as prazas nos campos de traballo de Castromaior, en Portomarín; Camiño de Inverno, en Quiroga; e Casa da Neveira, en Xermade.

A oferta a nivel autonómico ascende a 8.530 prazas, un 3,2 por cento máis que en 2014. Para a súa posta en marcha, o departamento autonómico está a investir 2,4 millóns de euros. Grazas a esta iniciativa, favorécese, ademais, a contratación de máis de 900 monitores e directores de campamentos.

Exit mobile version