Site icon Crónica3.com A Mariña

Responsables de Costa e o alcalde de Burela reuníronse cos xubilados de A Moncloa para comunicarlles que o monolito en homenaxe ás xentes do mar estará situado no paseo marítimo

la fotoBurela, 4 de agosto de 2015.- O alcalde, Alfredo Llano, agarda que na primeira quincena de setembro sexa unha realidade o monolito que se instalará preto de Cabo Burela para render homenaxe aos mariñeiros que utilizaron durante moitos anos ese punto para chegar a bo porto.

Llano visitou xunto a responsables de Costas aos xubilados da asociación A Moncloa para darlles a nova. O rexedor explicou que “será un monolito de granito, levará a latitude e a lonxitude, unha rosa dos ventos e algunha lenda. O que imos facer é colocalo no paseo marítimo, nun lugar no que non estorbará para o paso da xente. Chegamos á conclusión de que esa era a mellor situación posible”.

O alcalde de Burela engadiu que “os trámites para a súa instalación xa están en marcha. O que lles contaron os responsables de Costas aos xubilados é que Cabo Burela é un cabo singular e un dos máis saíntes do litoral. Con este monolito queremos render homenaxe a todos os mariñeiros de Burela que empregaban esa referencia para chegar a bo porto”.

Exit mobile version