Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo estivo ateigado de xente o primeiro fin de semana de agosto

Ribadeo, 3 de agosto de 2015.- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, fixo un balance moi positivo dos numerosos eventos festivos que este fin de semana tiveron lugar no municipio, entre os que destacaron a Festa do Percebe en Rinlo e a Xira a Santa Cruz.

O rexedor dixo que “Ribadeo segue a ser un destino turístico moi recomendable e recomendado, onde moitísima xente que nos vén ver repite a visita, pero tamén hai moita outra que o fai por vez primeira, porque escoitou falar ben de Ribadeo e porque lle gusta Ribadeo. Dende logo é unha satisfacción para nós, pero tamén unha esixencia. De feito, temos implicados os servizos de limpeza para facer o traballo mellor posible, os técnicos de turismo están traballando arreo nas súas posicións, atendendo a centos e centos de persoas todos os días que demandan información de Ribado e da comarca”.

Suárez tamén destacou a consolidación do municipio como emblema turístico malia os obstáculos que, denuncia, lle poñen dende a Xunta: “Ribadeo está de moda, pero non como unha moda que vén e vai, senón que está de moda para quedarse. Está neste mundo do turismo que empezou e despuntou hai non moito tempo, pero xa somos referencia internacional. Por moitas cousas, tamén pola praia das Catedrais, como non, que segue recibindo moitísima xente”. O rexedor considera que “aínda que hai cousas que se poden estar facendo ben por parte da administración autonómica, hai outras que estamos vendo que se fan con escuridade e cunha intención espúrea. Os aparcamentos que ten alugados o Concello dende hai varios anos preto da autovía moitas veces non están moi ocupados, a pesar de que a xente que vén ás Catedrais é moita. Sen embargo, ese persoal que ten a Xunta contratado está dirixindo á xente cara Barreiros. Seguramente que os visitantes que non son de aquí, unha vez que aparcan o seu coche e visitan as Catedrais, non volven para Ribadeo. Hai unha intención espúrea de envialos para Barreiros”.

Fernando Suárez Barcia non quere “axitar ningunha pantasma do localismo, pero quero contar a realidade, o que calquera pode ver, de como os fluxos de coches despois non retornan a Ribadeo, sendo como é que as Catedrais están en Ribadeo e o fluxo do turismo deberámolo aproveitar principalmente en Ribadeo. Pero como digo, a pesar deses paus na roda e desas actitudes espúreas da Xunta de Galicia, Ribadeo realmente vai a máis. Ten moitísima xente, coas Catedrais, sen as Catedrais, co casco vello, con tantas actividades que facer, con tantos servizos, con tanto comercio, con tanta restauración, con tantos bos hoteis. Esta tarefa que nos marcamos entre todos, entre o Concello e o sector servizos, está dando o seu froitos. Somos un lugar de referencia do que se fala ben no mundo, na comarca da Mariña e no occidente asturiano. E no mundo tamén brillamos con luz propia”.

Exit mobile version