Site icon Crónica3.com A Mariña

Sanjurjo desminte a Pajón e aclara que a auga sempre tivo un mantemento perfecto cando foi alcalde

Ourol, 14 de agosto de 2015.- O voceiro do PP de Ourol, Marcial Sanjurjo, desmentiu esta mañá as declaracións do actual alcalde, quen nunha misiva enviada a todas as casas da localidade, culpa, en parte, ao anterior goberno dos problemas dos pasados meses co suministro da auga.

Sanjurjo aclarou, que na súa época de rexedor, non baixou o mantemento nin a atención do suministro da auga, algo, di, que pode corroborar o propio persoal de mantemento que foi testemuña directa.

“O mantemento das instalacións da auga foi prioritario na xestión municipal durante os últimos oito anos”- asegurou o popular, que engadiu que na súa época de alcalde sempre se puxo por diante o mantemento, a renovación, a creación de infraestruturas e o control exhaustivo da calidade e potabilidade da auga.

Para o voceiro dos populares, estas acusacións corresponden a tónica predominante que está levando a cabo o actual goberno socialista, que o único que fai é culpar ao anterior executivo de todos os problemas que se lle presentan.
“Outro exemplo foi o da piscina; houbo aquí problemas e o rexedor culpounos tamén a nos”- criticou Marcial Sanjurjo quen explicou que precisamente en oito anos de rexedor non tivo nin un problema con esta instalación.

O popular aclarou que o que ten que facer o actual goberno é traballar e facerlle fronte aos problemas que se lle presentan pero non culpar ao anterior goberno. “O que demostra o señor Pajón é que non sabe perder, ganar nin Gobernar”.- concluíu.

Exit mobile version