Site icon Crónica3.com A Mariña

Sendeiristas da ACD Xove suben ó Coto da Vela para contemplar as Perseidas

quedada-nocturna-xoveDespois dunha tarde de moita auga dun día moi, moi gris, cuberto e con moita choiva, ninguén apostaba por un boa noite; excepto os sendeiristas da ACD Xove que participaron na primeira Quedada de Sendeirismo Nocturno para poder ver as Perseidas na noite do día 12 ó 13 de agosto.

Arredor das 22.00 horas reuníanse no Portiño de Morás (Xove) 32 intrépidos e aguerridos camiñantes, dispostos a camiñar, desafiando o tempo que facía pola tarde. Unha ilusión….. non ía chover e, encima, ía a despexar o ceo. Ás 22.15 horas daba comezo a camiñata. A medida que avanzaban na camiñata, empezaba a despexarse o ceo e xa na primeira parada no “Miradoiro da Atalaia” puideron ver as primeiras estrelas. Continuaron camiñando e o ceo abríase na súa totalidade ata permitir ver nas Salseiras, fronte á Illa de Sarón, unhas cantas estrelas fugaces. Nno alto do Coto da Vela o ceo estaba totalmente despexado mostrando tódalas estrelas e, detrás da Illa de Sarón, unha espectacular tormenta cuns relámpagos de impresión dignos de fotografiar.

Alí mesmo compartiron comida e bebida, charlas e risas disfrutando das Perseidas durante máis de media hora. A baixada para o punto de partida foi apoteósica, facendo varias paradas para ver o espectáculo de luz tanto das Perseidas coma da tormenta no mar.

Foi unha noite inesquecible para os participantes que remataron a aventura ás 02.00 da madrugada despois de tomar algunhas fotografías; aínda que as máis bonitas foron as imaxes que os sendeiristas puideron ver.

Exit mobile version