Site icon Crónica3.com A Mariña

Señora Candia, non insulte á intelixencia dos mindonienses

O arranxo da autovía A8 ao paso polo noso concello é unha necesidade urxente, non só para os nosos veciños e veciñas se non que tamén para toda a comarca, non vale agora escusarse dicindo que os veciños de Mondoñedo non están descontentos co peche da autovía porque favorece a vida económica do concello.

Vostede pon en boca dos mindonienses pareceres que non se axustan á realidade, non valen desculpas pola demora no arranxo da autovía e dos accesos a nosa cidade, e non chega só con dicir que confía na actitude e vontade do Ministerio de Fomento para arranxar os problemas da autovía.

Deixe de actuar como avogada defensora do Ministerio de Fomento e esixa vostede tamén de forma seria e responsable melloras que nos afectan a todos, xa que con unha inversión de 192 millóns de euros neste tramo non se pode tolerar que a autovía teña que estar pechada ao tráfico un día si e outro tamén.

É posible que co peche da autovía se achegue máis xente ao noso concello, pero o que non é de recibo é que logo de máis de ano e medio que pasou desde que se inaugurou a A8, o tramo da N-VI que nos ofrece o Ministerio como alternativa cando a autovía esta pechada siga en condicións lamentables para soportar tal cantidade de tráfico rodado, ou que a estrada LU-124 que serve de conexión coa A8 chegue tarde e mal, con taludes en vertical, e co recheo da ampliación con materiais de pésima calidade, que según os técnicos que consultamos cando estábamos no goberno, o firme non compactará e durará pouco. Agora venden esta obra como un gran logro de xestión e din que invisten 833.000 euros cando en realidade teñen un proxecto de 4.400.000 euros.

Infórmese vostede mellor do que pensan os seus veciños e veciñas e pregúntelle, por exemplo, ao sector do transporte que lle parecen os cortes continuados do tramo da autovía, haber se así consegue facerse unha opinión máis fundada á hora de facer declaracións como as que fixo recentemente.

Exit mobile version