Site icon Crónica3.com A Mariña

Son Viveiro solicita ao Concello información sobre o estado das liñas de abastecemento e saneamento de auga

Viveiro, 3 de agosto de 2015.- Son Viveiro vén de presentar no rexistro do Concello a solicitude de información do estado das liñas de abastecemento e saneamento de servizo municipal, motivado polos continuos cortes que se están a producir nos últimos meses e que provocan tantas molestias aos veciños e veciñas.

Esta coalición entende que estas avarías veñen producidas pola alta presión que ten que soportar a rede de abastecemento debido ao aumento da poboación nas datas estivais.

Co fin de ter un coñecemento mais detallado da liña de abastecemento e saneamento do municipio, vén de solicitar unha batería de preguntas sobre os distintos tipos de materiais que formar as canalizacións, solicitude dos planos actualizados das instalacións, do número de quilómetros que conforman a rede, número de vivendas que fan uso do servizo, número de pozos de bombeo postos en funcionamento, número de controis mensuais realizados nas billas dos abonados e cantidade de avarías producidas mensualmente durante o presente ano.

Tamén presentou solicitude para crearse como grupo municipal propio e non ter que formar parte do grupo mixto, tal e como o ampara a Lei de Modernización da Administración Local do 2003, que deixa sen efecto a Lei Reguladora de Bases de Réxime Local, así como a Lei de Administracións de Galicia, no que atinxe ao número mínimo de concelleiros para formar grupo propio.

E por último, presentou unha moción para solicitar a derogación da Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local, a chamada “Lei Montoso”.

Exit mobile version