Site icon Crónica3.com A Mariña

Trinta rapaces de entre 4 e 16 anos de idade participaron no terceiro Concurso de Talentos celebrado no auditorio da Casa da Cultura de San Cibrao

250815 Foto talentos 4Cervo, 25 de agosto de 2015.- Trinta rapaces con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos de idade participaron na terceira edición do Concurso de Talentos celebrado no auditorio da Casa da Cultura de San Cibrao, que estivo repleto de público.

A concelleira de Cultura e Xuventude, Dolores García Caramés, explicou que na terceira edición do Concurso de Talentos “participaron 30 rapaces de 4 a 16 anos de idade. O xurado do concurso estaba formado por tres persoas que se encontraban no público. Este ano os talentos decantáronse pola música, realizando actuacións de violín, tocaron a batería, un grupo que formaron tres rapaces interpretaron unha canción composta por eles mesmos, un grupo de catro nenas bailaron a canción de Sia Chandelier, o máis pequeno, Guille, tocou a pandeireta mentres a súa irma e curmá cantaban a canción de Carolina, houbo numerosos playbacks e bailes, dúas rapazas cantaron e incluso unha de las atreveuse a facelo a capela. E na última actuación os nenos que presenciaban a actuación improvisadamente subiron a acompañar ás bailarinas”.

Dolores García engadiu que “só por participar todos os mozos e mozas levaron unha axenda e os tres primeiros recibiron vales de compra (de 200, 100 e 50 euros), que poderán gastar en calquera establecemento do municipio de Cervo”.

O primeiro premio foi para Alejandro Navarro, de 14 anos e veciño de Madrid, que tocou unha peza con violín. O segundo correspondeu ao grupo de danza contemporánea De Pasiño a Pasiño, composto por Lara Rouco, Lara García, Mafalda Ben e Diana Aguilar, as catro de 8 anos de idade, todas elas de San Cibrao. E o terceiro clasificado foi o grupo de baile e playback formado por Elisa Ramos, de 10 anos; Victoria Ramos, de 8 anos; e Silvia Paleo, de 10 anos, tamén de San Cibrao.

A edil de Cultura e Xuventude destacou que “estivo completo o aforo do auditorio da Casa da Cultura e o Concurso de Talentos é unha actividade que ano tras ano vai collendo máis forma; os rapaces mostran o seu talento, o cal hai que valora, e aínda por enriba fano moi ben todos. O público participa e vive as actuacións e o máis importante é que os talentos perden o medo no escenario diante do público e do xurado, participan, séntense cómodos e pásano moi ben. Ao rematar o concurso xa estaban preguntando cando será o próximo. E aínda que só levaran premios tres actuacións puidemos comprobar que no concello de Cervo hai moito talento”.

Exit mobile version