Site icon Crónica3.com A Mariña

Variedade de produtos á venda no primeiro Rastrillo Popular de Burela

Burela, 14 de agosto de 2015. O primeiro Rastrillo Popular de Burela celebrarase este domingo, 16 de agosto, entre as 12 do mediodía e as 9 da noite na praza da Mariña. O Concello de Burela, organizador desta iniciativa, ultima os preparativos para a cita. Segundo o alcalde, Alfredo Llano, son 17 os postos que estarán abertos este domingo con obxectos de todo tipo a prezos populares.

O rexedor declararou que “estamos moi ilusionados na preparación do rastrillo, que é un Rastrillo Popular, que imos comezar este ano aquí en Burela como unha iniciativa para que toda a xente que teña algo que ofrecer poda facelo dunha maneira moi vistosa e agradable, na praza da Mariña, que vai ser a acolledora deste primeiro rastrillo”. O rexedor explicou que “xa contamos con 17 persoas que van poñer a súa tenda particular. Cremos que é un bo número porque dende logo con 17 persoas xa vai haber unha boa exposición, vai haber moita variación de produtos. Sabemos que van participar con venda de todo tipo, libro, antigüidades, fogar… No seu conxunto vai ser un ofrecemento de tanta calidade e variedade que vai atraer moita xente a Burela”.

O Concello non descarta darlle continuidade ao evento se consegue unha boa aceptación: “o noso obxectivo é dar unha oportunidade á xente que desexe ofrecer os seus produtos dun xeito moi vistoso e moi particular e tratar de vincular a Burela como un atractivo da comarca da Mariña con este rastrillo. Imos ver como funciona e se funciona perfectamente imos consolidalo e procurar facelo cunha cadencia bimensual ou en datas moi concretas. Xa veremos cal é a máis oportuna e, dende logo, se ten éxito e a xente participa e quere vender cousas, imos favorecelo. Imos abrir ás 12 e queremos que se aproxime o máximo de xente este domingo a partir desa hora. Estará aberto ata as nove da tarde”.

O rastrillo é unha aposta do goberno municipal pola organización de eventos que aumenten o atractivo da vila e as opcións dos veciños: “dende logo buscaremos a maneira de que exista a máxima calidade nos produtos, inéditos, que non se visen noutros mercados, que interesen á xente e sexan vistosos e interesantes. Esperamos darlle valor ao noso concello e que sexa un foco de atractivo para que a xente se achegue aquí e poda pasar un día agradable polo noso concello, que aquí recibimos á xente cos brazos abertos e queremos dar oportunidades de participación”.

O alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Cultura, José Díaz, visitarán aos vendedores do rastrillo a partir das 11:45 horas, antes de que os seus postos abran ao público.

Exit mobile version