Das resultas deste novo proceso, os produtores puxeron na axenda galega e estatal unha problemática que ameaza a supervivencia dun sector que perde unha explotación gandeira galega por día desque no 1 de abril se liberalizou a produción pola UE. Así e todo, a nova Plataforma, protagonista das mobilizacións convocadas a semana que entra en Compostela, haberá superar tamén tensións como as amosadas en Lugo, onde a Xunta xogou desmobilizar con promesas inconcretas.
O sector lácteo, como outros moitos fulcrais para a economía galega, precisa de canles axeitadas para facerse ouvir, non só a respecto dos Gobernos, senón dos consumidores, que son antes ca nada cidadáns. O tempo dirá se estas novas formas e estruturas saberán dar a resposta que non souberon ou non quixeron dar algúns dos vellos actores do sector lácteo.
A Arrincadeira: menos seguridade xurídica, menos liberdade
No balbordo destes días aprobouse inadvertida a reforma da Lei de Axuizamento Criminal, que fixou o máximo da detención incomunicada ordinaria en cinco días, no canto dos tres até agora lexislados. Un despropósito que limita substancialmente as garantías e que acrecenta as restricións das liberdades das últimas reformas lexislativas do PP.