Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa de Lourenzá explica que a voceira municipal do PP presentou como súa unha iniciativa xa aprobada no Congreso dos Deputados

Lourenzá, 18 de setembro de 2015.- A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que a voceira municipal do Partido Popular presentou como súa unha iniciativa que xa fora aprobada no Congreso dos Deputados.

A rexedora móstrase sorprendida de que “a señora Álvarez non presentara no pleno ordinario celebrado onte ningunha pregunta sobre o motivo polo que non foi convocada a xunta de voceiros para tratar a declaración institucional contra a violencia de xénero, despois de ser insultada na prensa pola voceira popular acusándome de vaga e mentireira”. Rocío López explicou que decidiu non convocar a xunta de voceiros porque considerou necesario aclarar antes varias cuestións sobre o tema.

A alcaldesa tamén comentou que “no último pleno extraordinario, cando o grupo socialista presentou dúas mocións, unha en defensa do sector lácteo e outra sobre a singularidade das festas populares en Galicia, a señora Álvarez advertiu de que había un acordo de non presentar mocións xeneralistas. O voceiro socialista recordoulle que ela intentara presentar unha declaración institucional xeneralista e a representante popular respondeu que non era xeneralista, xa que fora elaborada por ela. Pero resulta que isto non era certo, porque a proposta elaborada pola señora Álvarez é unha transcrición literal, traducida ao galego, da declaración institucional aprobada pola Mesa do Congreso dos Deputados na sesión de 18 de agosto”.

Por este motivo Rocío López engadiu que “a non ser que a señora Álvarez, ademais de ser asesora da Deputación, o sexa tamén do Congreso dos Deputados, o que fixo foi mentir descaradamente no pleno. Polo tanto queda así demostrado que as acusacións de vaga e mentireira deben ter outra destinataria”.

Exit mobile version