Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia está a promocionar estes días en Lituania aos concellos mariñáns de Ribadeo, Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo e A Pontenova

Ribadeo, 29 de setembro de 2015.- A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia está levando a cabo un proxecto de internacionalización dos concellos da Mariña. Este colectivo está a promocionar algúns municipios desta comarca nas súas saídas internacionais. Un membro de Apaga participará desde este martes e ata domingo en Lituania nun encontro de mestres de FP e ata alí chegará información turística dos concellos de Ribadeo, Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo e A Pontenova. Segundo deu a coñecer o seu presidente, Álvaro Doural, hai outros concellos coma O Valadouro, que tamén se amosaron interesados nesta promoción, que Apaga realiza dun xeito totalmente altruísta.

O presidente de Apaga explicou que “se trata dun proxecto que se empezou o ano pasado co Concello de Ribadeo e que este ano abrímolo a outros, cos que fomos falando, e está tendo un gran acollida, porque agora xa están tamén os de Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo, A Pontenova e posiblemente sigamos ampliando a toda A Mariña. Aproveitamos estas visitas que se fan para dar a coñecer os concellos da Mariña de Lugo. Precisamente esta semana vai estar un compañeiro noso en Lituania, nunha reunión con profesores de FP doutros países, e vai levar información de todos estes concellos: folletos, guías, faise tamén unha presentación explicando onde está cada concello”. Doural dixo que “se está empezando a traballar neste asunto e a nosa idea é facer unha publicación en formato electrónico con toda esa información dos concellos. É un servizo que nos prestamos encantados, de forma totalmente altruísta, porque consideramos que todo o que poida servir para dar a coñecer a nosa rexión é importante”.

E engadiu “facémolo encantados para que especialmente determinados concellos que neste momento o están pasando mal, por falta de xente, poidan dar a coñecer os seus atractivos, que teñen moitos. Temos unha zona rica e moitas cousas e moitas veces descoñécese especialmente o seu atractivo no ámbito cultural e histórico, como é o caso de Mondoñedo, por exemplo”.

Álvaro Doural sinalou que “vamos intentar traballar todo o posible neste aspecto e o único que se lle pide aos Concellos é ese material promocional que teñen. Moitos deles teñen cousas moi interesantes e moi ben elaboradas e hai outros que teñen pouco. Precisamente hai poucos días estivemos no Valadouro falando co tenente de alcalde e comentounos que están moi interesados en participar neste proxecto. Nós aos concellos de toda A Mariña e incluso a algún outro próximo, como o da Pastoriza, estamos dispostos a facerlles promoción”. O único que teñen que facer é contactar con Apaga e facerlle chegar o material para distribuír nos países aos que o colectivo realiza saídas formativas durante o curso.

Exit mobile version