Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada territorial valora co alcalde de Riotorto proxectos de mellora de estradas entre outras actuacións

xunta-riotortoLugo, 30 de setembro de 2015.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, e o alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, valoraron nunha entrevista de traballo a necesidade de acometer proxectos de mellora de varias estradas e dotación de servizos públicos a núcleos rurais do municipio.

En concreto, o concello solicitou a colaboración da administración autonómica para acometer as obras de reforma que permitan reabrir con normalidade ao tráfico a estrada entre Abelleira e Lamas, que permanece cortada para vehículos pesados por mor dun derrubamento na calzada.

Arias considerou prioritaria esta actuación, que eliminará as restricións de tráfico e permitirá tamén restablecer o percorrido habitual do autobús escolar. A delegada comprometeuse co alcalde a xestionar no menor tempo o apoio da Xunta para a execución das obras, que incluirán a construción dunha escollera no punto no que a estrada cruza o cauce do río Turia.

A delegada territorial asegurou ao rexedor que a Xunta “apoia o desenvolvemento de todos os municipios da provincia, porque somos conscientes das limitacións orzamentarias que teñen os concellos para poder executar este tipo de obras con fondos propios”.

Neste contexto Arias puxo en valor o investimento realizado pola Consellería de Medio Rural neste municipio mariñán que permitiu acometer oito actuacións a través do Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal por un importe de máis de 82.000 euros.

En concreto, xa se actuou en dous accesos a Praducelo, en outros dous a Ferreiravella, así como ao conxunto etnográfico situado neste mesmo núcleo; ademais de aos lugares de Navallo e Hermida, Comide e Hortovello.

Na mesma liña, salientou que a Xunta sempre amosou a súa disposición a colaborar cos concellos para dotar dos servizos básicos necesarios ós veciños, con máis énfase se cabe naqueles ubicados no medio rural e de menores dimensións.

Exit mobile version