Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación achega unha subvención de 22.000 euros á Cogami-Lugo de apoio á integración laboral das persoas con discapacidade

Cogami-LugoLugo, 1 de setembro de 2015.- A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia e o presidente da Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade de Lugo, José Luis Lolo, asinaron este martes un convenio de colaboración a través do que a administración achega á Cogami-Lugo unha subvención de 22.000 euros.

En concreto, a implicación da Deputación con Cogami-Lugo diríxese ao apoio e adestramento en habilidades sociolaborais de persoas con discapacidade na provincia, a través do financiamento dun obradoiro denominado ‘Taller prelaboral para persoas con discapacidade’, que servirá de ferramenta no traballo para a integración laboral deste colectivo.

Candia puxo en valor a labor social desta entidade, que traballa día a día para conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, mediante a prestación de servizos que cobren necesidades específicas dos seus usuarios; favorecendo asemade a dinamización e desenvolvemento poboacional e territorial.

A presidenta da Deputación recordou que, dende o primeiro momento, a prioridade deste novo goberno é o benestar. Así quedou reflectido nos acordos adoptados nestes dous meses mediante a implicación cos maiores e coas persoas dependentes a través dun maior financiamento para servizos básicos como son a axuda no fogar e a teleasistencia domiciliaria. Asemade, Candia insistiu en manter o compromiso do novo goberno cos colectivos sociais, e que tivo como primeiro paso o interese desta institución por coñecer as necesidades do terceiro sector na provincia e estudar as diferentes vías de apoio ás entidades.

Exit mobile version