Lugo, 16 de setembro de 2015.- O voceiro da Deputación de Lugo, Carlos Armesto, informou este mércores de que a administración provincial actualizará o portal de transparencia en colaboración cos concellos. Trátase dun servizo que “nos deixaron en pésimas condicións”, realizado con cargo ao proxecto INNOVATE, que supuxo un desembolso do anterior goberno “dificilmente xustificable” de 1.326.000 euros.
Armesto explicou que “vémonos agora na obriga de que os concellos teñan que utilizar esta ferramenta da propia Deputación, que tivo un custo desorbitado e non se encontra plenamente operativa”, fronte á posibilidade, segundo engade o voceiro, de que os concellos puidesen usar o Portal da Transparencia na nube para as entidades locais do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de carácter totalmente gratuíto.
En concreto, a Xunta de Goberno do venres aprobará o modelo de convenios que se subscribirán entre a Deputación e os Concellos para adherirse a este portal propio no que “garantiremos a disposición de toda a información que demandan os cidadáns”.
A maiores, o Goberno provincial porase con urxencia en contacto cos concellos que asinen o convenio co obxecto de actualizar a documentación que obra neste portal, o que permitirá que esta ferramenta propicie máis facilidades á hora de acceder á labor dos representantes públicos, ampliará a inclusión de contidos demandados pola cidadanía, e permitirá as tramitacións necesarias.