Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación asina un convenio de colaboración coa Federación Provincial de Confrarías

Firma convenio San CibraoLugo, 03 de setembro de 2015.- A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, asinou este xoves un convenio de colaboración coa Federación Provincial de Confrarías da Provincia para formalizar un novo compromiso do Goberno lucense co sector pesqueiro.

O acto oficial de sinatura celebrouse no Museo do Mar de San Cibrao e nel, ademais de Candia e do presidente da Federación, José Basilio Otero, tamén participaron o deputado provincial responsable da área de Pesca, Demetrio Salgueiro; os patróns maiores dos pósitos (Burela, Celeiro, Foz, Ribadeo, San Cibrao e O Vicedo) así como as mariscadoras activas afiliadas ás confrarías.

A subvención excepcional concedida pola Deputación de Lugo á Federación Provincial de Confrarías, por un importe de 19.000 euros, diríxese a sufragar custos, por un lado, de divulgación, promoción e publicidade das actuacións que realiza a Federación e, por outro lado, de dotación de medios materiais (traxes de neopreno) ás mariscadoras activas afiliadas ás confrarías.

Dun xeito máis concreto, durante o acto de firma do convenio explicouse que a contía dirixida a atender a primeira actividade (divulgación, promoción e publicidade das actuacións que realiza a Federación) suma o importe de 11.400 euros; mentres que a contía para sufragar os traxes de neopreno é de 7.600 euros.

A presidenta da Deputación explicou que con esta liña de axudas damos resposta a unha petición formulada por representantes do sector nunha das últimas reunións que o Goberno provincial mantivo cos traballadores vinculados ao Mar. “Actuamos de xeito inmediato, a maiores de axilizar a tramitación das axudas que estaban pendentes e que ían destinadas, por importe de 95.285,07 euros, a propietarios de embarcacións de pesca de baixura”, lembrou Candia, quen engadiu que “tamén puxemos fin a unha inxustiza, xa que as mariscadoras non podían acceder ás liñas de axuda xa aprobadas”.

Por último, Candia tamén trouxo a colación que dende a oposición “defendemos iniciativas a través das que solicitabamos melloras na colaboración e nas relacións cos traballadores deste sector e, agora, dende o Goberno sacamos adiante os compromisos que lles trasladamos en resposta ás peticións dos profesionais do mar”.

Exit mobile version