Formalizando o seu compromiso de asumir con fondos propios este servizo, o Goberno provincial reforza os investimentos tanto en benestar social como en asistencia aos lucenses, “buques insignia deste novo Goberno provincial”, destacou Candia durante o acto de sinatura que tivo lugar hoxe na sala de exposicións da Deputación.
O servizo de teleasistencia, que incrementa a protección das persoas maiores as 24 horas dos 365 días do ano grazas a instalación de dispositivos de conectividade e seguridade, está a beneficiar na provincia de Lugo a unhas 1.000 persoas maiores, ao permitirlles comunicar con rapidez calquera situación de risco ou emerxencia.
Durante o acto, no que participou a deputada de Benestar, Mari Teijeiro, así como a maior parte dos rexedores dos concellos da provincia, Elena Candia destacou que “esta é unha clara aposta que facemos porque o noso desexo é que os nosos maiores poidan vivir con todas as garantías, o maior tempo posible e nas mellores condicións nos seus propios fogares.
Colaboración cos concellos
Esta medida posta en marcha polo Goberno popular tamén beneficia aos propios concellos, xa que lles supón un importante aforro tendo en conta que ata o de agora estaban a financiar o 50% dos custes que agora asume a entidade provincial. Este feito proba, tal e como lembrou Candia, que “o Goberno que eu presido está plenamente implicado na colaboración e cooperación cos municipios”, algo que ata o de agora non se materializaba de xeito íntegro, posto que os municipios, estaban obrigados a financiar a metade do custe da teleasistencia.
Ofrecer maior cobertura
Pola súa banda, a deputada de Benestar, Mari Teijeiro, destacou que nestes intres é “a nosa prioridade darlle contido a este servizo e proceder a dar unha maior cobertura do mesmo”.
De feito, a de Lugo convertíuse na única das deputacións galegas en non dar novas altas en teleasistencia, en concreto dende o ano 2007, situación que o actual Goberno provincial vai cambiar. Para iso, subliñou Teijeiro, “é precisa unha labor de coordinación coa Xunta que nestes momentos á a administración que está a facer esa cobertura”.
Do mesmo xeito, a deputada de Benestar fixo fincapé na necesidade de revisar e adaptar a ordenanza que regula a prestación do servizo de teleasistencia, que data de decembro de 2006, para o cal “é fundamental ter en conta aos técnicos dos concellos”, para ter unha visión das necesidades reais dos usuarios e determinar cal sería a fórmula máis “axeitada e operativa”.
3.000 lucenses beneficiados nos primeiros meses
Estes 1.000 maiores lucenses que están a beneficiarse dun servizo básico no apoio domiciliario, pasan a sumarse aos beneficiarios doutra das medidas que o actual Goberno da Deputación vén de poñer en marcha: o aumento nos fondos destinados ao Servizo de Asistencia no Fogar. Deste xeito, xa son uns 3.000 veciños de todos os concellos da provincia os que “poden ter unha mellora na calidade de vida grazas a unha xestión máis eficaz e eficiente dos fondos públicos da Deputación de Lugo, dos cartos que a eles e a todos os lucenses lles pertencen”, lembrou Candia, quen celebrou a boa acollida que esta medida está a ter os usuarios e as súas familias.