Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación adquirirá unha obra da exposición de Proxecto Home para a Rede Museística provincial

Proxecto HomeLugo, 10 de setembro de 2015.- A vicepresidenta de Deputación, Mari Teijeiro, asistiu este xoves á inauguración da exposición ‘Arte e Solidariedade’, organizada pola entidade Proxecto Home. A responsable de Benestar da institución anunciou o compromiso da administración provincial para “aportar o noso grao de area, que será mediante a adquisición dunha obra para a rede museistica provincial”.

Teijeiro agradeceu o traballo desta entidade cunha importante traxectoria histórica, (conmemora os seus 25 anos), no apoio ás persoas que dan o paso e deciden abandonar as drogas e “vos mellor ca ninguén sabedes que sodes tamén un piar para as moitas familias que en algún momento buscaron a vosa axuda e atoparon unha saída ao problema dos seus familiares”.

A vicepresidenta da Deputación lembrou que unha das prioridades do actual Goberno da institución provincial “é o benestar social da cidadanía e unha das bases fundamentais para lograr ese benestar sodes as entidades sociais que día a día traballades para dar cobertura a moitas necesidades específicas dos diferentes colectivos que conforman a nosa sociedade”. Teijeiro engadiu que “sodes as entidades sociais e o movemento asociativo, un referente para moitas familias e para persoas que sofren desigualdade, discriminación, illamento ou diferentes problemas de índole social”.

Por último, a responsable de Benestar felicitou a Proxecto Home pola exposición ‘Arte e Solidariedade’ e desexoulle que serva de “axuda ao financiamento dos vosos programas” ao mesmo tempo que animou a toda a poboación “a visitar a exposición e a colaborar con esta causa”.

Presentación Máster en Dirección de Proxectos
A vicepresidenta da Deputación tamén asistiu á presentación do Máster en Dirección de Proxectos da USC, onde recalcou a colaboración da administración provincial coa universidade e nesta liña “aportar o noso grao de area para sumar e favorecer que cursos coma o que hoxe se presenta, se podan realizar no Campus de Lugo”.

Por último, Teijeiro desexoulles aos alumnos que “esta formación serva de proxección e especialización profesional e que lle quitedes o maior rendemento posible e aproveitedes a ensinanza dos mestres das tres universidades galegas, cunha bagaxe e experiencia demostrada e, polo tanto, darvos ánimo e que este máster sexa unha chave para unha mellora no eido formativo e sobre todo na vosa faceta profesional e laboral”.

Exit mobile version