A Deputación organiza esta programación destinada ás persoas maiores especialmente pensada para aumentar a súa autonomía e mellorar as súas capacidades cognitivas e funcionais. Ramiro Moure destacou que “esta iniciativa, pretende contribuír a reducir a chamada “ferida dixital” entre este sector de poboación ademais de prestar apoio a todos aqueles que desexen mellorar no uso das tecnoloxías”. Os cursos abordarán o manexo de diversos dispositivos como o ordenador, a tablet ou o smartphone, así como conceptos básicos para manexarse por internet ou en diferentes redes sociais. Polo que se refire aos talleres, traballarán diferentes capacidades cognitivas e funcionais como a memoria, a atención, a orientación espacial ou o equilibrio co ordenador, a tablet ou as vídeo consolas.
Novidades
Unha das novidades, e tendo en conta as peticións da maioría dos usuarios de repetir e de facer os cursos de máis duración, é a implantación dunha serie de talleres curtos, de reforzo, en sesións de dúas horas os venres en horario de mañá, para mellorar e continuar coa aprendizaxe, afianzando e potenciando os coñecementos adquiridos nos cursos realizados.
Ramiro Moure tamén avanzou a “intención de ampliar a toda a provincia os cursos e obradoiros para facilitar o uso das novas tecnoloxías a todos os maiores, independentemente do seu lugar de residencia, e poñer en marcha novos servizos, que estarán a disposición de todos os lucenses de máis de 55 anos”.
Éxito da anterior convocatoria
Na anterior edición dos cursos para maiores participaron 259 persoas que destacaron o acertado enfoque práctico das accións formativas. Moitos deles insistiron en que incluíron nas súas rutinas o aprendido nas sesións, como empregar o correo electrónico, solicitar cita para o médico por internet ou realizar vídeo chamadas para manterse en contacto con amigos e familiares. O servizo de formación do InLugo non só ofrece cursos e obradoiros temáticos senón que contan cun servizo de asesoramento permanente gratuíto para solucionar as dúbidas dos maiores no ámbito das novas tecnoloxías ó que poden acudir en persoa ou poñerse en contacto por Internet ou teléfono.
Últimas prazas nos cursos
As actividades comezarán o 29 de setembro na sede do InLugo. En total 400 prazas repartidas en 29 obradoiros e cursos, dos que 9 xa teñen todas as prazas cubertas no día de apertura de inscricións. Para os outros, os interesados aínda poden apuntarse a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou chamando ao número de teléfono 982 225 186. Todas estas actividades están incluídas na actuación Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia que xestiona a Fundación TIC a través dunha encomenda da Deputación con fondos exclusivamente provinciais.