Burela, 22 de setembro de 2015.- Cunha charla sobre educación viaria cos estudantes de 4º da ESO do IES Perdouro de Burela e co circuíto de karts péchase a programación da Semana Europea da Mobilidade de Burela, que botou a andar o 16 de setembro con múltiples actividades de concienciación das consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche para o medio ambiente e para a saúde pública. E dos beneficios que teñen outros modos de transporte coma a bicicleta, as viaxes a pé ou mesmo o transporte público.
A Policía Local foi a encargada de impartir a charla deste martes na que se tratou de mellorar o coñecemento das normas a cumprir cando se é peón, ciclista, condutor de coche ou se vai en monopatín. “A Policía Local constatou que moitas veces incúmprense as normas por descoñecemento, por iso cremos na necesidade de repetir iniciativas como a de hoxe. As normas non están para sancionar a quen as incumpre, senón para aumentar a seguridade de todos, peóns ou ciclistas”, aseguran as monitoras de Gaia.
Noelia María Ben, a concelleira de Medio Ambiente, agradece “a participación a todos os que acudiron ás actividades desenvolvidas e a todas as asociacións e colectivos que colaboraron con nós na oferta que se desenvolveu estes días en Burela”.
A Semana Europea da Mobilidade contou nesta edición cunha importante participación. O domingo celebrouse en Burela o día sen coches, con rúas cortadas ao tráfico nas que puideron realizarse distintas actividades deportivas e culturais.