Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta achega 169.000 euros ós Grupos de Acción Costeira para que fagan as súas estratexias de desenvolvemento local

A Xunta financiará con 169.000 euros as asociacións candidatas a grupo de acción local do sector pesqueiro para que poidan elaborar as súas respectivas estratexias de desenvolvemento local participativo. O Consello do Goberno galego analizou hoxe un informe sobre a colaboración para dotar a estas entidades dos fondos necesarios para realizar este labor.

En total, son 7 as asociacións candidatas. Trátase do grupo de acción local do sector pesqueiro Golfo Ártabro Norte e dos grupos de acción costeira A Mariña Ortegal, Costa da Morte, Ría de Muros- Noia, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Ría de Vigo- A Guarda.

Para a percepción da axuda, cada asociación deberá elaborar unha estratexia de desenvolvemento local participativo da súa zona de actuación conforme a metodoloxía e estrutura, ademais de entregar á Consellería do Medio Rural e do Mar a súa estratexia nun prazo fixado. A cambio, a Consellería comprométese a achegar a “axuda preparatoria” a cada asociación para a elaboración da súa estratexia.

Esta axuda terá unha repercusión positiva no fomento do desenvolvemento local participativo nas áreas costeiras, o que redundará en beneficios para o tecido socioeconómico destas áreas. Hai que lembrar, neste sentido, o importante papel que veñen desempeñando os Grupos de Acción Costeira neste eido, como xestores de multitude de proxectos que inciden na mellora económica do noso litoral.

Exit mobile version