Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta achega 337.000 euros a obras de mellora de infraestruturas en 11 concellos da Mariña

Lugo, 24 de setembro de 2015.- A delegada territorial da Xunta na provincia de Lugo, Raquel Arias, xunto co alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, supervisou as obras que se acometeron neste concello ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

A delegada subliñou que a Xunta destinou algo máis de 337.000 euros a sufragar obras en diversas infraestruturas dos concellos da Mariña, que supoñen o arranxo e mellora de instalacións deportivas, parques infantís, rúas ou da iluminación pública, entre outros servizos.

No caso concreto de Barreiros, as actuacións, cuxos últimos remates efectuáronse hoxe, centráronse na pavimentación de varías rúas dos casco urbano de Barreiros, concretamente nos núcleos de San Cosme, San Bartolo e San Miguel de Reinante.

O investimento total da intervención neste concello é de 50.000 euros, dos que a Xunta de Galicia aporta algo máis de 33.000 euros e o resto o propio Concello. No seu conxunto, a achega da Consellería supón case o 60% do investimento total inducido na comarca con esta orde de axudas, sendo o outro 40% asumido polas administracións locais.

A delegada territorial salientou que se promoveron obras de mellora de infraestruturas en once concellos da comarca. “Este é o resultado da colaboración que mantén a Xunta cos concellos -afirmou-. Son intervencións, en ocasión de pequena envergadura, que teñen sempre repercusión directa para os veciños e que, en consecuencia, contribúen a mellorar a calidade de vida dos cidadáns”.

Estas actuacións, segundo engadiu Arias, son importantes para os concellos, que na meirande parte das ocasións non dispoñen de fondos necesarios para acometelas polo que a aportación que fai a Xunta permite, ademais da súa execución inmediata, que facelo non supoña un problema económico para as administracións locais.

“A Orde de Infraestruturas de Uso Público é un exemplo máis da aposta que fai a Xunta polo medio rural galego”, concluíu a delegada territorial, “porque mellorar as infraestruturas, neste caso viarias, pero noutros casos do ámbito deportivo ou lúdico, son un aspecto que incidirá de xeito significativo na fixación de poboación en concellos pequenos”.

Exit mobile version