Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta brinda “o mellor asesoramento técnico” aos concellos para aproveitar ao máximo a oportunidade aberta pola Lei de Costas para regularizar os núcleos do litoral

Santiago, 16 de setembro de 2015.- A Xunta brinda “o mellor asesoramento técnico” aos concellos para aproveitar ao máximo a oportunidade aberta pola Lei de Costas para regularizar os núcleos do litoral. Así o manifestou este mércores a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, que informou no Pleno do Parlamento sobre a regularización de asentamentos costeiros tradicionais.

Ethel Vázquez destacou a determinación do Goberno galego de colaborar cos municipios e adiantou que este mesmo venres se celebrará unha reunión entre técnicos da Xunta e do Ministerio de Medio Ambiente para analizar os casos abertos, xa que asegurou que aínda queda tempo para dotar de seguridade xurídica ao maior número posible de asentamentos tradicionais.

A titular de Infraestruturas manifestou que aínda que as comunidades non teñen competencias na tramitación dos expedientes, tanto os concellos como os cidadáns sempre poderán contar coa determinación, apoio, compromiso e sensibilidade do Goberno galego.

A conselleira explicou que a intención da Xunta é revisar caso por caso e reiterar a disposición da Xunta aos municipios co fin de poder acreditar do xeito máis fiable posible a preexistencia dos asentamentos costeiros tradicionais.

A importancia dos planeamentos
Ethel Vázquez indicou que a mellor fórmula para acadar seguridade xurídica pasa por procurar a regularización dos núcleos afectados e das súas vivendas a través dos Plans Xerais de Ordenación Municipal (PXOM). Dende a Xunta insístese na necesidade de axilizar a redacción dos planeamentos naqueles concellos que teñen este tipo de problemas.

A conselleira puxo como exemplo ao Concello de Marín, que conseguiu dar seguridade xurídica e tranquilidade a moitos dos seus cidadáns ao acadar a regularización dos seus núcleos litorais a través do Plan Xeral. Marín iniciou o proceso pola aprobación do seu PXOM, o que facilitou a delimitación dos núcleos costeiros. Unha vez definidas e acoutadas as poboacións no ordenamento urbanístico, foi moito máis doado conseguir que Aguete, Casás, Loira, Teoira e Mogor acadasen igualdade de condicións que o solo urbano.

Vázquez manifestou que isto é unha mostra máis do traballo ben feito e de que coa acción coordinada e conxunta das administracións se poden alcanzar resultados históricos e satisfactorios para os intereses dos nosos concellos e, por suposto, para os cidadáns.

Outros exemplos de núcleos regularizados son o Concello de Baiona, que conseguiu cobertura legal para o núcleo de Rocamar; ou o municipio coruñés de Muros, que viu como cinco dos seus núcleos tradicionais litorais podían ser regularizados: A Bornale-O Cruceiro, Surribos, A Viña, A Robaleira e Valdexería.

A responsable de Infraestruturas recalcou que a clave do éxito destes municipios foi que souberon definir un bo plan xeral e que traballaron desde a máxima transparencia e coa máxima lealdade institucional. Engadiu que contar co planeamento non é o único método para alcanzar a regularización dos núcleos tradicionais do litoral, pero si é a fórmula que ten probado a maior eficacia e que a Xunta apoia.

Regularización na Lei de Costas
A Lei de Costas aplicaba un réxime de limitacións na zona de servidume de protección establecida en 20 metros no solo urbano e en 100 metros fóra del, o que provocaba que moitas das edificacións existentes en solo de núcleo rural do litoral quedasen nunha situación que se considera fóra de ordenación.

Vázquez apuntou que a Xunta sempre defendeu a singularidade e peculiaridade de Galicia para facer compatible os núcleos tradicionais da costa coa protección do litoral. Engadiu que grazas ao traballo conxunto realizado entre Xunta e Goberno central logrouse que a nova lei de costas recollese, por primeira vez, unha vía para resolver unha demanda histórica e propiciar que os núcleos tradicionais costeiros puidesen ser regularizados.

Este camiño pasa por rebaixar a zona de servidume de costa dos 100 aos 20 metros, para todos aqueles municipios que demostren a existencia consolidada dos núcleos urbanos con anterioridade á Lei de Costas de 1988. Así, pois, para que os núcleos costeiros tradicionais poidan contar con este amparo legal, os concellos debían acreditar correctamente a preexistencia deses núcleos.

Exit mobile version