Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta concede axudas a oito concellos da Mariña para o apoio, promoción e difusión das festas de interese turístico

Lugo, 8 de setembro de 2015.- A Xunta de Galicia contribúe con 28.000 euros á promoción e difusión das festas de interese turístico que se celebran en oito concellos da comarca da Mariña.

A delegada territorial, Raquel Arias, explicou este martes que Turismo de Galicia concede estas axudas a todos os concellos que celebran eventos declarados de interese turístico de Galicia. No caso da comarca da Mariña, ademais, todos lograron o importe máximo da subvención, 3.500 euros, importe que se destina a sufragar os investimentos directamente vinculados ao apoio, promoción e difusión destes eventos.

Deste xeito, afirmou Arias, ponse de manifesto o esforzo que a Xunta de Galicia está a facer na promoción turística da provincia, xa que “a concesión destas axudas ás festas de interese turístico impulsa a economía local dos concellos e contribúe ao recoñecemento das mesmas en Galicia e tamén fóra da Comunidade”.

Arias considerou que “a gastronomía, a cultura, a historia e a tradición de Lugo están a obter cada ano unha maior difusión grazas a estas festas que representan en si mesmas un importante instrumento de promoción que a Xunta vén de incentivar un ano máis”.

As festas de interese turístico recoñecidas coas subvencións foron concretamente o Festival Folclórico Internacional do emigrante (Barreiros), as Feiras e Festas de San Lucas (Mondoñedo), a Exaltación e Promoción do Ourizo (Cervo), a Festa da Faba (Lourenzá), a Festa de San Lourenzo (Foz), a Festa do Naseiro (Viveiro), a Xira de Santa Cruz (Ribadeo) e a Feira do Bonito (Burela).

A Xunta considera que as festas que polas súas características e singularidades teñen recoñecemento e prestixio a nivel autonómico son un recurso que se debe potenciar xa que contribúen un reclamo de atracción turística. Son, por outra banda, accións de difusión turística que constitúen un extraordinario incentivo para as economías locais.

Exit mobile version